Medra 30% a compravenda de vivendas na Galiza, oito puntos por baixo da media estatal

O prezo do metro cadrado, pola contra, sobe máis na Galiza que no conxunto do Estado español.
A vivenda de nova construción escasea na Galiza, mentres aumenta noutros puntos do Estado. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A vivenda encarécese na Galiza 5,6% (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

A Galiza rexistrou a compravenda de 25.220 vivendas en 2021, o que supón un incremento de 29,8% a respecto de 2020, segundo o Consello Xeral do Notariado. Este aumento está por baixo da media de 38,1% que se computa no Estado español. O da Galiza supón o sexto menor avance entre territorios.

No conxunto do Estado alcanzáronse as 676.775 unidades e o prezo medio do metro cadrado situouse nos 1.507 euros por metro cadrado (euros/m2), 5,3% máis, mentres que a concesión de préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda incrementouse en 35,7%. Estas variacións positivas responden, en parte, á comparación fronte a 2020, un exercicio anómalo polo impacto da crise sanitaria e económica provocada pola Covid-19, segundo o Consello Xeral do Notariado.

Por tipo de vivenda, as compravendas de pisos aumentaron 38,2% interanual, alcanzando as 507.209 unidades, mentres que as unifamiliares incrementáronse 37,8% interanual, até chegar ás 169.566 unidades. Os prezos dos pisos tiveron un ascenso de 3,6% a respecto de 2020, até alcanzar os 1.701 euros/m2, mentres que o prezo das vivendas tipo unifamiliar promedió os 1.195 euros/m2, rexistrando un aumento de 10,2%.

A Galiza, dos territorios que menos medran

A compravenda de vivenda en 2021 creceu en todos os territorios con taxas de dous díxitos. En concreto, as rexións onde se rexistrou unha evolución por encima da media estatan foron Balears (+51,3%), Canarias (+43,7%), Andalucía (+43,1%), País Valencià (+41,7%), Cantabria (+40,1%) e Catalunya (+39%).

Mentres, por baixo da media situáronse Castela-A Mancha (+37,1%), Madrid (+36,4%), Castela e León (+35,8%) e A Rioxa (+33,8%). O resto de territorios rexistraron incrementos de entre 20% e 30%.

Pola súa parte, o prezo do metro cadrado subiu 5,3% anual a nivel estatal. En trece territorios rexistrouse un encarecemento no prezo da vivenda e nas catro restantes diminuíu. O maior incremento consignouse en Balears (+14,2%), seguido por Andalucía (+8,1%), Canarias (+7,9%), Nafarroa (+7,4%), Madrid (+7,1%), País Valencià (+5,6%) e Galiza (+5,6%).

Mostrando tamén aumentos, mais por baixo da media do Estado, situáronse Castela-A Mancha (+4,6%), Murcia (+4,5%), Cantabria (+3,9%), Catalunya (+3%), Euskadi (+0,6%) e Estremadura (+0,4%). Porén, rexistraron retrocesos en 2021 os prezos na Rioxa (-5,9%), Asturies (-1,9%), Castela e León (-0,7%) e Aragón (-0,4%).

Noutra orde, os préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda creceron 35,7% anual a nivel estatal, até as 344.432 operacións, e unha contía media que ascendeu 2,9% anual, até os 147.654 euros. Ademais, subscribíronse 100.122 operacións con outras fins, de forma que a cifra total de novos préstamos hipotecarios alcanzou en 2021 os 444.555, 32,1% máis que o ano previo.

As hipotecas concedidas aumentaron en todos os territorios, tamén con taxas de dous díxitos. Por riba da media situáronse Murcia (+41,3), Catalunya (+40,9%), Cantabria (+40,1%), País Valencià (+39,2%), Andalucía (+38,4%), Madrid (+36,6%) e Canarias (+36,2%). O resto de rexistraron aumentos por baixo da media pero superiores a 20% anual.

Mentres, a contía media dos novos préstamos para adquisición de vivenda oscilou entre os 233.026 euros en Balears e os 91.227 euros en Estremadura. Segundo os notarios, a evolución anual foi dispar, ao crecer en 13 autonomías e decrecer nas catro restantes. Destacou o incremento en Balears (+11,7%), seguido pola Rioxa (+6,5%) e Cantabria e Andalucía (+5,3% cada unha). Os retrocesos na contía media rexistráronse en Canarias (-3,9%), Aragón (-3%), Galiza (-1,5%) e Estremadura (-0,7%).

Comentarios