Medra 8,2% a produción industrial após dous anos en caída na Galiza

É a maior repunta da produción industrial desde 2003.
Liña de montaxe de furgonetas (na imaxe unha Opel Combo) está a ser unha das máis afectadas polos paros marcados pola empresa (Foto: Stellantis)
photo_camera Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou na mañá desta terza feira os rexistros do Índice de Produción Industrial (IPI), que na Galiza sobe 8,2% ao remate de 2021 en comparanza co ano no que irrompeu a pandemia.

De feito, a variación anual media do IPI deixara no país un resultado negativo tanto en 2020 (-8,5%) como en 2019 (-3,8%).

Así, a Galiza é o quinto territorio do Estado, xunto con Catalunya, que experimenta unha maior repunta, por baixo de Asturies (+15,7%), Balears (+11,2%), Cantabria (+10,6%), Nafarroa (+10,3%) e Euskadi (+9,4%).

A nivel estatal, trátase do maior incremento anual desde 1994, cando o indicador subira 7,3%. Na Galiza, porén, é o mellor dato de toda a serie histórica —desde 2003—.

Por tipoloxía de bens producidos, o IPI medra especialmente na Galiza para os bens de consumo duradeiro (+60,9%), seguido dos bens de consumo (+21,5%), os bens de consumo non duradeiro (+19,3%), os bens intermedios (+8,6%) e a enerxía (+2,6%). Só mingua a produción de bens de equipo en comparanza con 2020 (-1%).

No que atinxe á variación mensual, porén, o IPI de decembro de 2021 caeu 2% a respecto do mes anterior, mentres no Estado repuntou 2,7% neste mesmo período.

Isto debeuse, fundamentalmente, ao descenso da produción enerxética (-14,1%) e de bens de equipo (-13,4%).

Comentarios