A crise vai para longo. A propia Angela Merkel recoñece este escenario. "Quen pense que a situación económica se vai resolver nun ou dous anos, erra", afirmou a chanceler. Merkel mesmo augurou un lustro máis, cinco anos, de austeridade en Europa para superar a crise.
Alén disto, pediu aos gobernos europeos "rigor" para aplicaren as reformas e axustes, incidindo en que ese é o camiño correcto para facer fronte á crise.
As receitas de Merkel chegan nun momento de forte debate na cidadanía europea sobre a crise e as vías para saír dela. O programa de austeridade e recortes sen máis xerou un escenario máis que difícil. Un exemplo diso é que na zona euro xa se superan as 18 millóns de persoas desempregadas, todo un récord histórico. Para alén disto, a fenda de desigualdade e inxustiza tense agrandado até niveis que había anos que non se atinxían.
Perspectivas
Neste contexto, diferentes organismos internacionais (como a OCDE) salientaron que a vía da austeridade por si propia non é garante dunha saída á crise. E mesmo apuntan a que por este camiño único cáese na recesión e no empeoramento das condicións de vida de amplas capas de poboación.