Os desexos do Banco de España para Novagalicia Banco non coinciden cos dos actuais directivos da entidade financeira nin da ponte de mando de Monte Pío, residencia do presidente da Xunta. Así, o Banco de España está disposto, segundo recollen medios españois como El Economista, a pechar a porta a que fondos de investimento consigan NGB, co que proxecto da Xunta e do presidente de Novagalicia, José María Castellano, vai ficar en nada. O que o supervisor pretende é que NGB caia en mans do que entende como “entidades sás” e, por suposto, españolas.
Desde Xunta e cumio de NGB apostábase por un fondo de investimento estranxeiro, pois consideran que esta vía permitía que en Galiza ficase aínda capacidade de decisión,aínda que relativa, e a entidade mantivese a ligazón co país. Escenarios ambos que non se darán se é engolida por un dos grandes bancos sistémicos españois.
Máis cartos
Aliás, e contra o que se viña pensando, o FROB vai ter que meter unha inxección máis de cartos públicos en NGB, unha cifra que bailaría entre os mil e os tres mil millóns de euros. Millóns a sumar aos 10.000 millóns xa desembolsados nesta entidade.
Coa venda de NGB, así pois, o Estado perderá 13.000 millóns de euros. Son os cartos públicos investidos nelas. Traducidos en recortes, retalladas profundas en sanidade,educación...