CONVOCAN A CIDADANÍA PARA PARTICIPAR NA GRAN MOBILIZACIÓN DO DOMINGO 10

O naval volve saír á rúa en Ferrol

Traballadores de Navantia e empresas auxiliares emprenderon sobre as dez e media desta mañá unha marcha a pé duns oito quilómetros polos viais de acceso á cidade.

Segundo Ignacio Naveiras (CCOO), voceiro do comité de empresa de Navantia Ferrol, “os últimos anuncios son un engano para o sector naval galego”. Fixo un chamamento á cidadanía para participar na gran mobilización do próximo domingo, que sairá ao mediodía do Inferniño.

Os obreiros saíron dende o estaleiro para o porto de Ferrol, pasando polos treitos do Acceso Norte da AP-9 ata a rotonda do Sino. Dende alí, volveron ás factorías pola Rúa Nova de Caranza. 

Por outra banda, segue convocada a protesta cidadá que terá lugar o domingo 10 de xuño para lle esixir ao Goberno central e á Xunta de Galicia o cumprimento dos compromisos adquiridos: carga de traballo para unha comarca con máis de 20.000 desempregados.

As mobilizacións para alertar do progresivo descenso da ocupación iniciáranse xa en abril de 2011, pero, malia os distintos compromisos, tanto dende o goberno estatal como dende a Xunta ou o municipio, séguese sen ter referencia de cando se vai situar carga de traballo" nos estaleiros de Fene e Ferrol. Nos últimos meses producíronse preto de 1.000 despedimentos.

 

Comentarios