A pensión media galega é un 15% inferior á española e mantense como a segunda máis baixa do estado

A de xubilación é un 17% menos e a de incapacidade un 11%. Galiza é o segundo territorio do estado coas pensións máis baixas

mans

A pensión media en Galiza situouse en marzo en 773 euros mensuais, o que supón un incremento do 1,9% a respecto de hai doce meses, marzo de 2016. O aumento que nese mesmo período rexistrou a pensión media española foi levemente superior, do 2,05% e é neste mes de 916 euros. Hai, logo, unha fenda de 142 euros mensuais entre unha pensión media galega e a española. Unha fenda, ademais, que non se reduce máis ben ao contratio, como indica que nestes doce meses medrase máis a prestación media no estado que en Galiza.

Temos, pois, que unha pensión media galega é un 15% inferior á española. Unha fenda que se mantén se desglosamos as pensións nas súas diferentes categorías. Así, as pensións por xubilación son de media en Galiza de 880 euros ao mes mentres no estado son de 1.058. Falamos de 178 euros mensuais menos no noso país, un 17% de diferenza.

O mesmo acontece nas pensións por incapacidade, das que se pagan perto de 70.000 en Galiza. Esta pensión é de media no noso país de 832 euros mentres que a media española sitúase en 935 euros, un 11% máis que a galega. 

Comentarios