Iniciativas de AGE e BNG contra a suba das portaxes e o destino de cartos públicos á concesionaria da AP9

O 1 de xaneiro as portaxes da AP9 volverán subir, máis unha vez nestes últimos meses. Un "saqueo" ao peto de usuari@s desta vía que leva a AGE e BNG a presentaren iniciativas demandando actuacións. Para alén disto, plataformas de usuari@s chaman a empregar o 28 de decembro vías alternativas de circulación a esta autopista contra a "inocentada" das portaxes
AP-9
photo_camera AP-9

En xaneiro o Ministerio de Fomento aplicará unha nova suba nas tarifas da AP-9, co que serán 4 os incrementos das portaxes nos últimos 12 meses. A principal vía de comunicación do país subirá en xaneiro un 2,4%. Un incremento que, para a oposición, non ten xeito nin dereito, de aí que formacións como AGE ou BNG xa teñan nas últimas semanas presentado diversas iniciativas a este repeito.

Así, desde a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) vense de criticar que se compense á cocnesionaria pola perda de usuari@s e a suba do IPC. Para esta coalición é "un escándalo" que se autorice unha nova suba das portaxes e criticou que esta se permita en base a unha norma "inxusta" de 2009 que só serve, apuntan, para favorecer ás multinacionais. AGE pide nunha proposición non de lei que se elimine a achega de perto de 4,5 millóns de euros da Xunta á concesionaria para compensar as peaxes de Barcala e Rande.

Nesta mesma liña, piden unha redución das tarifas para as persoas que empreguen a AP9 por motivos laborais, para alén de solicitar que se recorte a portaxe naqueles tramos nos que se cobra por riba da media, como o comprendido entre Pontevedra e Vigo. AGE insiste en que o banco Citygroup, conesionario da vía, tivo unha rendabilidade do 260%.

Congreso

Pola súa banda, desde o BNG tamén se teñen presentado numerosas propostas e iniciativas, tanto no Parlamento autonómico como no español, denunciando a suba das portaxes e pedindo actuacións concretas en beneficio dos e das usuarias.

Así, a fronte nacionalista ten rexistradas dúas proposicións non de lei relativas á AP-9: unha sobre a necesidade de aprobar canto antes un programa de descontos da AP-9, e outra relativa á necesidade de exixir á Audasa a mellora do servizo da AP-9. O BNG lembra que o Congreso aprobou en marzo de 2011 unha proposición non de lei do BNG cando gobernaba o anterior Goberno e que “contou cos votos favorábeis do actual partido no Goberno, e na que instábamos a Fomento a realizar as xestións necesarias ante AUDASA para aprobar un programa de descontos a similitude do que ofrecen outras concesionarias”.

"Inocentada"

A Plataforma contra a suba das peaxes fixo un chamamento á cidadanía galega para non usar o 28 de decembro a AP9, optando por vías alternativas. Unha convocatoria coa que denuncian o abusivo das tarifas desta autoestrada. Alén disto, chaman aos e ás usuarias a levar no carro un monigote de Día dos Inocentes como denuncia da inocentada das portaxes.



Comentarios