As persoas que se achegaron nos últimos días a encher o tanque de combustíbel dos seus vehículos tiveron que facer un maior esforzo económico que as que o fixeron semanas atrás. E é que o prezo dos carburantes leva xa trece subas consecutivas, que o sitúan en valores similares aos que presentaban antes da pandemia da Covid-19.
Na última semana, o incremento de prezos foi especialmente significativo, de até 1,5%. Se botamos a vista atrás, cara ao mes de novembro, a suba acumulada alcanza 13% e 17% se retrocedemos até maio, coincidindo co inicio do desconfinamento.
En concreto, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea, o prezo medio do litro de gasolina no Estado español subiu 1,35% respecto á semana anterior, até situarse nos 1,268 euros, o seu nivel máis alto desde mediados de marzo de 2020.
Pola súa banda, o prezo do gasóleo encareceuse 1,5% esta semana e comercialízase xa por 1,150 euros o litro, o seu nivel máis elevado tamén desde o 16 de marzo do ano pasado.
No caso da Galiza, que despois de Baleares é o territorio que presenta os prezos máis altos, a gasolina podíase atopar estes días por riba de 1,35 euros o litro, mentres que o diésel facía o propio superando os 1,22 euros o litro nalgunhas estacións de servizo do país.
Diferenza impositiva
Aínda que o Goberno español non logrou incluír nos orzamentos a equiparación dos impostos ao diésel aos da gasolina, o certo é que o mercado axudou a reducir esa diferenza. Desde a segunda semana de novembro, o prezo do gasóleo acumula unha subida próxima a 13,4%, mentres que a gasolina é 11% máis cara.
Con todo, a gasolina no Estado español segue por debaixo da media da Unión Europea e da zona euro, onde o litro custa 1,395 euros e 1,450 euros, respectivamente, ao mesmo tempo que o litro de gasóleo custa de media 1,266 euros na UE e 1,292 euros na eurozona.
Esta diferenza cos territorios da súa contorna débese á menor presión fiscal que exerce sobre os carburantes. A pesar das subas do IVE e do gravame sobre o biodiésel, o Estado español presenta unha presión fiscal máis laxa nesta materia que a media de países da Unión Europea.
Alza do prezo do cru
Detrás deste comportamento nos prezos, que xa se equiparan aos rexistrados antes da crise derivada da pandemia da Covid-19, está a recuperación nos mercados internacionais da cotización do cru, que esta semana tocou novos máximos.
Así, o barril de cru Brent, de referencia en Europa, cotizaba esta quinta feira por riba dos 66 dólares, mentres que o West Texas americano intercambiábase a uns 63,4 dólares, prezos moi superiores aos que se movían hai unhas semanas.
Desta maneira, os carburantes para automoción consolidan a tendencia á alza que xa empezaran a rexistrar durante o período estival. Concretamente, após unha forte caída como consecuencia do confinamento de marzo e abril e as limitacións á mobilidade, os prezos comezaron a rexistrar incrementos xa no pasado mes de maio. Desde entón acumulan 13 subas consecutivas e non parece que a tendencia vaia mudar coa nova desescalada.