O prezo da pataca

Kevin Abosch  é un fotógrafo irlandés. Non é un vendedor de patacas. Nen un produtor. Pero acaba de vender unha pataca por un millón de dólares. 

batata
photo_camera Fotografía de Kevin Abosch


A produción de pataca con Indicación Xeográfica Protexida en Galiza foi dunhas catro mil toneladas en 2012. O seu valor: menos de tres millóns de euros. Aínda que dólares e euros non andan á par, unha pataca de Kevin Abosch equivale á terceira parte do valor de todas as patacas de Galiza certificadas segundo a IXP.

Pero é que ademais Kevin Abosch non vendeu unha pataca, vendeu o negativo dunha foto de pataca. Unha foto tirada en 2010 em que se ve unha pataca chea de terra sobre un fondo negro. Antes de se dedicar a facer fotos de verduras e hortalizas Kevin Abosch fotografaba stars como Johnny Depp, Steven Spielberg ou a mesmísima Yoko Ono. Normalmente vendía os seus clichés a un prezo que non baixaba dos 250.000 euros. Pero eran celebridades. Ora, con esta pataca, que segundo el precisa é “bio” o artista fixo explosionar todas as contas. 

A produción de pataca con Indicación Xeográfica Protexida en Galiza foi dunhas catro mil toneladas en 2012. O seu valor: menos de tres millóns de euros

E quen comprou a pataca? Pois polo visto un home de negocios europeo que fixo a adquisición á saída dunha recepción “un pouco regada

Quero pensar que na recepción había patacas fritas de bolsa. Se queren ver a pataca e outras fotos do autor vaian á súa web. 

E agora, antes de finalizar quero suxerir ao Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño que revise a súa apreciación sobre a pataca galega: “Debido ás condicións climatolóxicas, ás características dos chans e ás esmeradas labores culturais que se dan nas subzonas produtoras de pataca da Comunidade Autónoma de Galicia, o produto obtido ten unha calidade culinaria excepcional. Este feito, ben coñecido polos almacenistas e consumidores, fai que a produción de pataca galega de calidade sexa moi valorada e teña un prezo nos mercados, tanto rexional como nacional, superior respecto das outras producións” 

Si, ho!!!


 

Comentarios