A prima de risco do Estado español supera os 100 puntos básicos por vez primeira desde xuño de 2020

O Banco Central Europeo muda de criterio e valora agora unha suba de tipos na zona euro en 2022.
Europa valora subir os tipos este ano (Foto: Nós Diario).
photo_camera Europa valora subir os tipos este ano (Foto: Nós Diario).

A prima de risco ofrecida aos investidores polos bonos españois a dez anos, en relación coa referencia do 'bund', ampliábase esta segunda feira até os 101 puntos básicos como consecuencia da substancial caída do interese exixido á débeda alemá, ante a incerteza do mercado pola escalada de tensións en Ucraína e a evolución da política monetaria en resposta á inflación.

Trátase da primeira vez desde xuño de 2020 que o diferencial entre ambos os títulos de débeda alcanza o limiar dos 100 puntos básicos. Deste modo, mentres que a rendibilidade exixida no mercado secundario ao bono español a dez anos se moderaba 5% e ficaba en 1,224%, no caso do bono alemán con vencemento equivalente o interese reducíase esta segunda feira case 26%, até 0,215%.

A rendibilidade exixida no mercado aos bonos de Italia a dez anos situábase en 1,902%, o que implica un diferencial de 168 puntos básicos co 'bund' e de case 70 puntos coa débeda española equivalente.

No caso da débeda de Portugal a dez anos, o interese situábase este luns en 1,099%, mentres que a rendibilidade dos bonos gregos a dez anos era de 2,581%, cun diferencial de 237 puntos básicos.

A mediados do pasado mes de xaneiro, o bono alemán a dez anos, que serve de referencia para a renda fixa europea, volveu ofrecer rendibilidades positivas, logo de case tres anos en negativo ante o cambio de postura de varios dos principais bancos centrais pola escalada da inflación.

Posíbel suba de tipos

Neste senso, a presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, deixaba aberta a porta tras a última reunión do Consello de Goberno da entidade a unha suba de tipos na zona euro en 2022, cando anteriormente asegurara que se trataba de algo improbábel.

Comentarios