UNHA ESCOLMA DO PAPEL

“As privatizacións supuxeron para Galiza a perda de 30% de emprego”

Autora do libro A privatización da empresa pública española: repercusións na economía galega (Edicións A Nosa Terra, 2007) e doutros traballos a respecto do sector empresarial público, debullamos coa economista Carmela Sánchez as consecuencias que tiveron as sucesivas vagas de privatizacións e abordamos con ela cal debera ser o papel do público no presente escenario de esmorecemento produtivo en Galiza.

Carmela Sánchez. Profesora Doutora en Economía Aplicada da USC
photo_camera Carmela Sánchez

-Cal foi o alcance dos procesos de privatización de empresas públicas no Estado español?

-O alcance é moi relevante. Debemos ter en conta que a empresa pública no Estado non tivo unha grande importancia en comparación con outros países europeos, e a pesar desa situación en canto a privatizacións si que estamos nunha posición moi importante. O proceso privatizador español, que comezou a mediados dos anos oitenta e foi moi moi intenso na última parte dos noventa, tivo un impacto moi importante porque afectou grandes empresas, empresas de sectores estratéxicos, moi significativas nun territorio e que eran as dun maior nivel de beneficios, con maior emprego e cunha presenza internacional importante. En termos cuantitativos é difícil dar un dato moi simple, porque parte desas empresas se fusionaron ou diversificaron a súa actividade a outros territorios. No caso de Galiza o impacto no emprego das privatizacións poderiamolo cuantificar en 30% de perda de emprego, con sectores especialmente afectados e nos que sempre debera haber un interese público á marxe de que existan empresas privadas.

-Quen saíu beneficiado das privatizacións?

-Claramente os principais beneficiarios foron os compradores das empresas, que adquiriron empresas moi rendíbeis e nas que non tiñan que facer grandes investimentos, só de mantemento, ben posicionadas no mercado e que foran constituídas con capital público, cos cartos de todas e todos. Ademais dos grupos empresariais tamén é significativa a presenza do sector financeiro no proceso de privatización. Fundamentalmente La Caixa e BBVA fixéronse con pacotes significativos en sectores estratéxicos. Para o sector público é certo que no curto prazo se obtén un volume de recursos importante, como sucedeu no caso español como noutros países europeos. Porén, está demostrado, e así o sinalan informes do Tribunal de Contas, que as empresas públicas se mal venderon a prezos moi baixos. Ademais, o feito de concentrar as privatizacións nun período de tempo moi curto fai que non se pague o valor real desas empresas. Por exemplo, xa en plena crise se ía privatizar lotarías e decidiuse non facelo porque non se ía acadar o valor previsto.

-Entón, as arcas públicas remataron por perder con estas vendas?

As empresas públicas vendéronse a prezos de saldo

-Hai distintas estimacións, mais para o período anterior á entrada no euro [ano de 2002] se puideron ter ingresado entre trescentos mil e catro centos mil millóns das antigas pesetas máis dos recibidos se se xestionase o proceso doutra maneira e se valorasen mellor as empresas en venda. Entre outros motivos porque non se tiña en conta o fluxo de beneficios futuros que tiñan e ao seren empresas moi rendíbeis en mans públicas unha vez privatizadas seguen xerando un volume de beneficios moi importante mesmo nesta situación de crise.

Aqueles que defenden as privatizacións sosteñen que estas resultan nunha maior eficiencia e competitividade das empresas. Que hai de certo niso?

-É un dos argumentos máis empregados desde a perspectiva teórica. Hai moitos estudos empíricos, estudos illados, que demostran que a propiedade, pública ou privada, non determina a eficiencia nin a competitividade, son outras variábeis e o propio comportamento desa empresa. Poderían darse moitos exemplos de empresas públicas eficientes e de empresas privadas ineficientes, e viceversa. Realmente a eficiencia vai aparellada a outros elementos, e un moi determinante é o grao de competencia que exista no mercado.

O caso do Estado español no curto prazo valorouse como un proceso de privatizacións moi exitoso porque en pouco tempo se privatizou moito e se obtivo un volume de recursos que pareceu significativo, mais a longo prazo se podía ter obtido moito máis investimento e actividade. A eficiencia depende máis dese grao de competencia para que realmente se poida traducir nunha maior calidade de servizos, non só para que non haxa abusos de prezos, senón para que repercuta nunha mellor calidade dos servizos, cuestión que non parece ser así e ten a ver tamén cos procesos de liberalización dos sectores que veñen sendo dominados polas grandes operadoras que foran públicas, caso das telecomunicacións ou a enerxía.

Hai que ter en conta tamén que parte das empresas públicas que deron perdas tiñan orixe privada e can- do se atoparon en dificultades foron absorbidas polo sector público, actuando este como unha especie de hospital de empresas en crise, cunha función social de evitar a destrución de emprego como no caso de Eunosa ou a antiga Astano ou Barreras. Gran parte das perdas do sector empresarial público teñen, polo tanto, procedencia privada.

-Se os beneficios non son tanto, nin está demostra- do que melloren a eficiencia e competitividade, que causas explican as privatización?

-Hai unha causa moi importante, que é a obtención de ingresos, pero hai outra que non se menciona, pero que é tamén moi relevante que é permitir a apropiación [privada] de empresas que son rendíbeis, que se adquiren a un prezo moi asequíbel, moito máis baixo que ter que construír toda esa infraestrutura. Desde mediados dos 70 até hoxe existen presións do capital para privatizar empresas ou sectores. Hoxe en día estámolo a vivir con claridade no campo do ensino ou da saúde.

O Goberno galego está a ter un comportamento bastante pasivo, de inacción, case de observador. Non hai unha estratexia industrial clara

-En que medida inflúe neste proceso que se dea no conxunto de Europa?

-A nivel europeo existen uns padróns nos procesos de privatización. Primeiro se privatizaron empresas industriais, fundamentalmente ligadas co transporte, a automoción e a metalurxia nos que a práctica totalidade dos países tiñan empresas públicas, logo foise cara á empresas de sectores máis estratéxicos, como a enerxía ou telecomunicación, e nunha fase final estarían as privatizacións de servizos públicos esenciais como a educación ou a sanidade.

-Que supuxeron as privatizacións para Galiza en termos produtivos e económicos?

-Unha merma de actividade económica e a redución de emprego, que antes xa cifrei en 30%, e tamén dos investimentos desas empresas privatizadas, dos investimentos en xeral e en particular en innovación. Por outra banda, agudizouse a recentralización da toma de decisións, que xa en moitos casos estaban centralizadas, non só cara a Madrid senón a outros territorios de fóra, como os EUA. Vese unha clara diminución de actividade económica e nalgúns casos a desaparición dalgunhas empresas como Álvarez, Tabacalera ou o que acontece agora coa fábrica de armas.

-E para a xente do común?

-A mellora da calidade dos servizos ou a rebaixa de prezos serían os indicadores que permitirían valorar se as privatizacións foron un éxito ou non. Non é anecdótico que o prezo da electricidade no Estado español sexa dos máis elevados de Europa, nun sector no que se perdeu toda a participación pública que, en troca, noutros países se privatizou parcialmente mantendo unha participación pública significativa que lle permite tomar decisións. A prestación dos servizos non é mellor e despois nos seus prezos non baixaron, agás relativamente naqueles tramos de maior competencia.

-Que facer fronte á destrución de medios de produción que padecemos? A solución pasa, como algúns sosteñen, por aumentar a intervención pú- blica con nacionalizacións ou recuperar empresas privatizadas?

-Si, esa podería ser unha vía interesante que co paso do tempo se fai cada vez máis necesaria porque no ámbito privado non hai recursos para poder financiar, nin flúe o crédito. Hai empresas moi representativas cun grande arraigo neses sectores en Galiza e das que habería que aproveitar todo o coñecemento e o valor económico creado, para precisamente xerar máis valor en troca de deixar que esmorezan ou acaben en procesos de deslocalización. A empresa pública actúa tamén, a pesar de que nunca se di, como unha protección face á deslocalización de actividades.

Nese senso non debemos consentir que desapareza a actividade produtiva e que se acabe levando para outros territorios, como coido que vai pasar con Barreras, porque se van aproveitar dese coñecemento tecnolóxico do sector naval acumulado ao longo de décadas e en grande parte con achega pública. E para iso hai que aproveitar todas as sinerxías, cunha participación pública que pode ser directa, con inxección de recursos e tomando decisións, pero tamén con outras vías de actuación para dinamizar eses sectores tan importantes e nos que temos unas competencias acreditadas ao longo do tempo.

Ningún goberno se pode permitir que caia unha empresa como Pescanova ou unha empresa do naval, polo volume de emprego directo e indirecto que xera, sobre todo porque sendo xa unha sociedade pouco industrializada non podemos perder músculo industrial.

-Hai que superar o tabú das nacionalizacións?

-Todos os gobernos nacionalizan. Por exemplo, alguén tan pouco favorábel ás nacionalizacións como Berlusconi aprobou un decreto que facultaba ao goberno para interviren naquelas empresas con máis de 1.000 traballadores, ante a grave situación que atravesaba daquela Parmalat. Tratándose dun goberno que certamente privatizou moito, cando menos tiña clara a importancia dalgúns sectores nesa economía e o que podería supor a súa perda ou a deslocalización das actividades.

-Como valora a resposta que desde o Goberno galego se está a dar a situación en empresas tan importantes como Pescanova ou Barreras?

-Eu creo que está a ter un comportamento bastante pasivo, de inacción, case de observador. Din querer buscar solucións, mais dun xeito moi pasivo. No caso concreto de Pescanova coido que se cadra xa é tarde, mais hai que buscarlle unha solución rápida e o Goberno galego debera ter unha estratexia clara, a respecto de que quere facer con esa empresa e tomar dalgunha maneira a iniciativa, inda que supoño que non serán favorábeis a unha intervención directa. Non hai unha estratexia industrial clara, de aposta en de- terminados sectores, por determinadas actividades, e tamén se está manifestando a ausencia dunha política financeira. O feito de non contarmos agora coas caixas de aforro está a afogar as empresas, e nisto novamente Pescanova é un exemplo moi significativo desta situación máis alá de que houbese problemas de xestión. Con certeza, van ter que tomar decisións porque non podemos permitirnos perder unha empresa desa entidade, ou que se vaia desmembrando para acabar morrendo.

Esta entrevista apareceu no número 50 do A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza e fixo parte do número 80 do semanario, publicado a 16 de xaneiro de 2014.

Comentarios