Antolín Alcántara

"As reformas das pensións perseguen a indefensión da clase traballadora"

As políticas dos últimos anos camiñaron no empobrecemento das persoas pensionistas e da clase traballadora. Medidas que foron acompañadas dunha mensaxe, cada vez máis intensa, sobre o insostíbel do sistema público. Abordamos o debate sobre o futuro das pensións con Antolín Alcántara, sindicalista da CIG e membro do Padroado da Fundación Moncho Reboiras, que rexeita os discursos “catastróficos”, que vincula a unha nova ofensiva do capital, e chama a recuperar a loita e o conflito para garantir este dereito. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 289.

[Imaxe: Cristian López] Antolín Alcántara
photo_camera [Imaxe: Cristian López] Antolín Alcántara

3É inviábel o sistema público de pensións?

Existe unha alianza para facer ver que as pensións non son viábeis, porque representan un gran negocio, a posibilidade de instrumentalizar financeiramente cantidades importantes de activos. Levan facéndoo moitos anos por parte do sistema, dunha ideoloxía neoliberal que está superposta a todo, dos partidos que ocuparon o goberno, das estruturas económicas no poder. Hoxe o discurso é máis potente que nunca, veñen transmitindo durante os últimos anos de xeito inequívoco que o sistema público non é sostíbel. Temos que sobrepoñernos a ese discurso e contrarrestar esa versión tan fatídica, demostrar que as pensións sempre son viábeis. Porque ademais de supoñer un dereito, algo que ninguén está estimando: as pensións son o único dereito que non entra no gasto ordinario do Estado, non representan un só euro do presuposto. E se tivera o Estado que aportar ou prever determinadas achegas do orzamento para as pensións, debería facelo.

Que impacto tiveron as distintas reformas?

A primeira reforma profunda fíxose en 1984. Incrementou os anos para acceder á pensión e para estabelecer a contía. Todas as reformas sucesivas foron na mesma liña, recortando. Chegou a unha inflexión e non pensan cambiar. Pero ademais debemos pensar que é unha prestación que supón ingresos. O Estado ingresou máis de 70.000 millóns de euros a costa das pensións polo IRPF. Diso ninguén fala, que Facenda recada pero non se destina ás pensións. Mentres, o goberno subvenciona fiscalmente os plans de pensións privados, polos que deixa de ingresar cada ano 4.300 millóns de euros en desgravacións. Este discurso catastrófico levou a que, en apenas 18 anos, as pensións privadas pasasen de tres a oito millóns. E a meta que perseguen é elevar esa cantidade.

Cal foi a reforma máis prexudicial?

A máis brutal para as pensións, presentes e futuras, foi a reforma laboral do 2013 do Partido Popular. Estabeleceu unhas liñas mestras onde os salarios perderán constantemente poder adquisitivo. Unha serie de medidas onde os convenios deixaron de ter lexitimidade práctica no ámbito de negociación colectiva, rompeu o equilibrio. Permitiu que os salarios poidan negociarse á baixa. Entregouse nas mans de UXT e CCOO, que veñen pactando todo tipo de condicións que empobrecen a clase traballadora. E a partir de aí, existe un descenso nas achegas das cotizacións moi significativo. No ano 2011, o Estado tiña un superávit de 2.300 millóns de euros, mentres en 2017, cun millón e medio máis de cotizantes, tivo un déficit por riba dos 18.000 millóns. Iso só pode explicarse polo recorte brutal dos salarios durante ese período.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 289 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios