O sector do leite retoma as mobilizacións ás portas da nova campaña

Os baixos prezos e os problemas na recollida afogan non poucas explotacións. Os gandeiros acordaron concentrarse perante a Consellería de Medio Rural e non descartan novos protestos.

tractor poatria

O sector lácteo de Galiza segue sumido nunha situación difícil, na que aos problemas relacionados cos baixos prezos engádese a problemática relacionada coa recollida do leite. Problema sobre problema que fai temer aos produtores unha nova campaña do leite -comeza o 1 de abril- inzada de dificultades. De aí que a Plataforma en defensa do sector lácteo decidise retomar as mobilizacións. Unha decisión que se tomou nunha xuntanza con presenza de organizacións agrarias (Fruga, SLG, Agaca, Oruga) e gandeiros en representación de diferentes comarcas. OPL e Agromuralla valoran se sumarse ás mobilizacións.

Nos once primeiros meses do 2015 pecharon no conxunto do Estado español 600 explotacións gandeiras.O 70% do total eran galegas  

A primeira das mobilizacións será o vindeiro 31 de marzo en Compostela, cunha concentración perante a sede da Consellería de Medio Rural. Protesto co que se piden garantías de recollida de todo o leite a prezos de mercado. Os propios datos da Administración cifraban en 400 granxas as que a comezos de marzo estaban vendendo toda a súa produción para leite en po, un destino que se traduce en pagos no campo inferiores ós 20 céntimos por litro.

En novembro do 2013 o prezo medio ao que se lle pagaba en Galiza un litro de leite ao gandeiro era de 39 céntimos. Dous anos despois, en novembro de 2015, era de 28,7 céntimos, unha queda do 26,4%, a máis grande de entre todos os territorios do Estado español. Nos once primeiros meses do 2015 pecharon no conxunto do Estado español 600 explotacións gandeiras. Delas, 475 en Galiza, o que supón o 70% do total e o 5% das que había no noso país. 

Comentarios