II Xornada do Rural Pousa Antelo

“A sustentabilidade económica de moitos concellos do rural galego pasa polo sector forestal”

Un espazo para dar a coñecer e partillar experiencias relacionadas coas actividades profesionais e culturais realizadas no rural galego. A II Xornada do Rural 'Pousa Antelo', organizada pola A. C. Afonso Eanes, terá lugar no local social de Sanmartiño de Broño (Negreira) o vindeiro sábado, 26 de novembro

A II Xornada do Rural 'Pousa Antelo' , que ten lugar este sábado en Negreira, centra o seu foco de estudo no sector forestal e nalgunhas das alternativas de futuro que este nos ofrece, abordando esta temática desde e para o rural, por tratarse “dun sector fundamental na Galiza, a sustentabilidade económica de moitos concellos do rural galego pasa polo sector forestal”, afirma Verónica Liñares López, enxeñeira de Montes e unha das organizadoras da Xornada ‘Pousa Antelo’. E é que o sector forestal “emprega directamente a 15.000 persoas e indirectamente a 22700 segundo os datos da Lei de Montes, o que representa o 3’5% do PIB da Galiza”, engade.

afonsoeanes_cabeO sector forestal “emprega directamente a 15000 persoas e indirectamente a 22700 segundo os datos da Lei de Montes, o que representa o 3’5% do PIB da Galiza”

Non obstante, Verónica Liñares manifesta que na actualidade “hai unha falta de información importante que non chega á maioría da poboación cando esta é a principal implicada”. Xa que logo, a través da presente Xornada preténdese paliar esa carencia e “transmitir toda esa información necesaria para sacar o máximo rendemento aos nosos montes”.

Durante a Xornada do Rural ‘Pousa Antelo’ abarcaranse palestras que van desde a actual Lei de Montes, a certificación forestal, até unha mesa redonda sobre o futuro deste sector, “achegando así unha visión non só técnica, senón tamén social e cultural”. Amais, inclúese unha sección denominada “experiencias barcalesas”, a cal está destinada a recoller iniciativas senlleiras que foron xerminando na comarca barcalesa, como o son neste caso a produción de mel artesán e a de leite ecolóxico. A xornada encerra cunha homenaxe a Amador Rodríguez Troncoso, “para recoñecer o labor deste ex-xefe da Axencia Extensión Agraria de Negreira e ex-rexedor rexional do Servizo de Extensión Agraria”.

O nome das xornadas está dedicado a Avelino Pousa Antelo, destacado galeguista e agrarista de orixe barcalés que dedicou boa parte da súa vida a temáticas relacionadas coa agricultura. A entrada é de balde e só será preciso anotarse no caso de participar no xantar previsto. Máis información e programa aquí

Comentarios