A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) fixou para o vindeiro 3 de decembro o xuízo pola demanda contra o despedimento colectivo que Alcoa pretende aplicar na fábrica de aluminio de San Cibrao, en Cervo.
As partes foron citadas ás 9:15 horas ao acto de conciliación e en caso de non haber acordo, o acto de xuízo comezará ás 9:30 horas, segundo informa o TSXG.
A parte social presentou a pasada sexta feira esta demanda contra o expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa, que, de executarse, afectaría 524 traballadores da planta de aluminio.
Trátase dunha nova acción xudicial, posterior ás medidas cautelares que solicitou ante o TSXG e que foron aceptadas en parte, de modo que os maxistrados impiden á multinacional do aluminio que pare as cubas de electrolise, pero permítenlle levar adiante os despedimentos.
Polo momento, o comité de empresa non ten constancia de que ningún empregado recibise a carta de despedimento, aínda que Alcoa defendeuesta cuarta feira que o despedimento colectivo que mantén presentado é "necesario" xa que a planta é "pouco competitiva".
Tanto os sindicatos como os Gobernos estatale galego critican que existiu "mala fe" por parte da empresa na negociación deste despedimento colectivo. Pola súa banda, a firma asegura que actuou "de boa fe" e "conforme" ás normas.
Previamente ao revés das cautelares, que Alcoa recorreu, un laudo arbitral resolveu tamén a favor do cadro ao manter os servizos mínimos acordados na folga indefinida.