LABORAL

Unha de cada catro persoas asalariadas na Galiza percibe como máximo o salario mínimo interprofesional

Durante 2010, o 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI e un 15% apenas a metade deste.
desempregados á porta dunha oficina do INEM
photo_camera desempregados á porta dunha oficina do INEM

A crise, que Galiza padece con especial virulencia, está a provocar que as diferenzas de renda existentes entre a clase asalariada se agudicen, chegando a ser “escandalosas”. Así se recolle no traballo realizado polo Gabinete Técnico de Economía da CIG, a partir de datos feitos públicos pola Axencia Tributaria. Destes datos tírase ademais que a mocidade é a máis prexudicada, porque alén de baixos salarios, soporta unhas taxas de paro intolerábeis e contratos de escasa duraciónO 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI (un 15 % apenas a metade deste). Conxuntamente recibiron o 6% do total da masa salarial dos galegos/asO 1,5% das persoas asalariadas en Galiza de maiores ingresos (máis de 7,5 veces o SMI) percibiu o 7,7% do total das rendas salariais galegas. Os números falan por si só: o 1,5% das persoas asalariadas de maiores ingresos acaparan unha maior porción da masa salarial que o 27% de menores ingresos

Tanto Galiza como o Estado español son, en termos de emprego, dos países máis afectados pola crise, un escenario onde a xente nova é a máis afectada. Fronte a esta situación, os poderes públicos reivindican saír da crise grazas a un esforzo na moderación salarial e nas condicións laborais (mini contratos), sen cuestionaren o contorno onde se define a actividade macroeconómica, que dende o noso punto de vista é o principal problema para superar a crise. Xunto coa reforma do sistema financeiro, as fortes desigualdades sociais existentes son, desde o noso punto de vista, os principais problemas a resolver para saír da crise.

De feito, nas últimas décadas en Galiza, e no Estado español, asistimos a un forte medre das desigualdades sociais. Os datos do último ano da Axencia Tributaria non só nos confirman esta aseveración senón que demostran que no último ano as diferenzas se agravaron.