A Unión Europea multiplica por 152 o seu déficit comercial só nun ano

O crecemento da zona euro desínchase até 0,2%.
As importacións chegadas á UE en setembro creceron 48,2% (Foto: Joe Giddens / PA Wire / dpa).
photo_camera As importacións chegadas á UE en setembro creceron 48,2% (Foto: Joe Giddens / PA Wire / dpa).

O saldo negativo da balanza comercial da eurozona situouse o pasado mes de setembro en 34.400 millóns de euros, en comparación co superávit de 6.700 millóns de euros do mesmo mes de 2021, segundo os datos de comercio internacional de bens que deu a coñecer esta terza feira por Eurostat.

En concreto, as exportacións de bens ao resto do mundo eleváronse 23,6%, até os 259.600 millóns de euros, mentres que as importacións expandíronse 44,5%, até os 294.000 millóns. 

A actividade comercial entre os socios do euro experimentou un incremento de 247.600 millóns de euros, o que equivale a unha suba interanual de 27,3%. A balanza comercial da Unión Europea (UE) arroxou un saldo negativo de 45.800 millóns, multiplicando por 152 o déficit comercial de setembro de 2021. 

As exportacións da UE ao resto do mundo no noveno mes do ano creceron 24% interanual, até os 232.000 millóns, mentres que as importacións avanzaron 48,2%, até os 277.800 millóns. A actividade comercial no interior da UE foi de 383.000 millóns, 26,1% máis.

Entre xaneiro e setembro, os Estados da UE observaron unhas exportacións de 1,889 billóns de euros, 18,8% máis, mentres que as importacións foron de 2,247 billóns, 49,7% máis. A actividade comercial interior entre xaneiro e setembro alcanzou os 3,131 billóns, 25% máis.

Por outra parte, o produto interior bruto (PIB) da zona euro freou o seu ritmo de expansión entre xullo e setembro a 0,2% desde a cifra de 0,8% observada no segundo trimestre do ano, segundo a estimación de Eurostat. Trátase do crecemento máis débil da zona euro desde o primeiro trimestre de 2021.

No conxunto da UE, o crecemento do PIB no terceiro trimestre desacelerouse tamén até 0,2% desde a cifra de 0,7% dos tres meses anteriores, tamén a súa peor lectura desde o primeiro trimestre de 2021.

Por outra parte, os negociadores do Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron un acordo provisional sobre o orzamento da UE para 2023, de 186.600 millóns de euros, 1,1% maior en comparación coas contas de 2022 após as modificacións introducidas.

Comentarios