Abanca, Xunta e Deputación asinan a venda do Teatro Cinema Fraga de Vigo por 9,3 millóns

O PSOE impulsa unha moción para protestar contra este acordo e reclamar a cesión do inmóbel ao Concello.
Luís López, Alfonso Rueda e Francisco Botas, esta sexta feira, asinando o documento. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Luís López, Alfonso Rueda e Francisco Botas, esta sexta feira, asinando o documento. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, asinaron esta sexta feira a venda do Teatro Cinema Fraga de Vigo por un importe de 9,3 millóns de euros. Nun acto decorrido nas propias instalacións do Teatro, os tres representantes celebraron esta xornada "sumamente importante" para a cidade, a cultura e Galiza en xeral, na que o Goberno galego e o provincial adquiriron o inmóbel do banco.

O primeiro en falar foi Botas, quen lembrou as semanas e mesmo meses de negociacións para que poida "reactivarse" un edificio como o Fraga tras tantos anos sen actividade. As administracións, dixo, trasladaron á entidade financeira unha "oferta concreta" que decidiu aceptar. Na mesma liña falou López, que destacou que esta compra é "o inicio da recuperación dun emblema cultural" de Vigo. Segundo el, esta compra, executada a 51%-49% por Xunta e Deputación, respectivamente, "cumpre un desexo" dos vigueses, mostrando o seu orgullo polo "compromiso cumprido".

Así, agradeceu a Abanca e á Xunta a súa cooperación, co obxectivo de "atraer máis cultura" á cidade. Tamén puxo en valor o traballo da vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, "gran valedora" da Deputación en Vigo.

Alfonso Rueda foi o encargado de fechar o acto, subliñando tamén o "comrpomiso" da Xunta con esta compra, ao trasladar unha oferta "firme" a Abanca. Agora, subliñou, é a quenda de determinar o plan de usos do edificio, co obxectivo de desenvolver un proxecto de obra que se adapte ao mesmo e a partir de aí licitalo. Por iso, Rueda engadiu que é momento de "porse a traballar" para que o inmóbel sexa "un antes e un despois" da vida cultural de Vigo e da Galiza.

Pleno do Concello

A pesar de todo, unha hora despois tivo lugar en Vigo un pleno municipal extraordinario co obxectivo de solicitar a Abanca que cedese ao Concello o Cinema Fraga, tras semanas de críticas por parte do Goberno local á compra do inmóbel.

O encargado de defender a moción socialista foi Carlos López Font, quen ve "lamentábel" que Abanca se prestase "á firma desta venda" e dixo que o banco "está en débeda coa cidade e débelle o Teatro Fraga a Vigo", solicitando unha vez máis esta cesión gratuíta. López Font chamou "traidores" aos concelleiros do PP de Vigo, asegurando que a cidade "ten a lexitimidade de pedir esta doazón".

O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cualificou de "estafa" esta compra, pero criticou a moción presentada polos socialistas, xa que inclúe na cuestión de forma "inexplicábel" á Zona Franca e o Ministerio de Cultura, por un carácter "partidista", xa que ambos os organismos están liderados polo PSOE.

Para o popular Miguel Martín, esta sexta feira é un "día histórico" porque Vigo recupera o Fraga tras 20 anos fechado "para poñelo ao dispor de todos os vigueses e do seu tecido cultural". "O PSOE prefire que o Fraga siga fechado se o alcalde, Abel Caballero, non é o protagonista", engadiu, tachando de "perrencha" este pleno.

Martín lembrou que o rexedor pediu a Rueda formar parte da compra do Teatro e, como se lle dixo que non, "agora estamos aquí para tratar de boicotear unha magnífica noticia".

Finalmente, tras non aceptarse a emenda dos nacionalistas, a moción saíu adiante cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e o 'non' do PP.

Comentarios