A xestión centralizada dos fondos Next Generation atasca centos de proxectos

Os promotores dos proxectos empresariais ligados ao programa Next Generation teñen a vista posta nos resultados electorais do 23 de xullo. A baixa execución dos fondos, as convocatorias de axudas aínda por resolver e as novas liñas de actuación que porá en marcha o Goberno entrante avanzan un escenario cheo de incertezas. O futuro de gran parte das iniciativas impulsadas desde a Galiza está nas mans do novo Executivo estatal.

As Pontes acollerá unha planta de hidróxeno subvencionada polos fondos Next Generation. (Foto: Europa Press)
photo_camera As Pontes acollerá unha planta de hidróxeno subvencionada polos fondos Next Generation. (Foto: Europa Press)

A candidatura galega aos fondos Next Generation está formada por 354 proxectos empresariais valorados en 19.698 millóns de euros. A proposta recolle 107 iniciativas impulsadas por operadores privados e 247 promovidas desde a Xunta da Galiza. A maiores dos proxectos integrados dentro do programa avalado polo Goberno galego, atópase toda unha serie de actuacións propostas polas grandes compañías do Ibex-35 para desenvolver na Galiza e que foron presentadas directamente ao Executivo estatal.

As propostas recollidas céntranse, fundamentalmente, no ámbito da enerxía. Nesta esfera, destacan os proxectos destinados á xeración de electricidade de orixe renovábel e de produción de hidróxeno verde. Así, entre os primeiros, atópanse varias centrais hidroeléctricas reversíbeis a erguer en diferentes ríos galegos e, entre os segundos, arredor de 70 factorías a asentar en diversas localidades galegas. As únicas factorías deste tipo que contan con axudas públicas están impulsadas por EDP e Reganosa nas Pontes, por Iberdrola e Finsa en Caldas de Rei e polo Porto de Vigo.

O proxecto máis ambicioso neste campo está promovido por Maersk. A factoría anunciada pola multinacional danesa para a área do porto de Langosteira na Coruña prevé un investimento de arredor de 5.000 millóns e unha necesidade de potencia eléctrica de máis de 4.000 MW. Porén, a iniciativa de Maersk atópase actualmente parada, tras non aprobar a multinacional danesa ningún investimento para este proxecto na Coruña, á espera de clarexarse o novo escenario político.

Por outra parte, a posta en marcha dunha fábrica de viscosa foi a proposta estrela do Goberno galego para o programa Next Generation. A iniciativa impulsada polo grupo portugués Altri en Palas de Rei (A Ulloa) carece de encaixe nos Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) promovidos polo Executivo do Estado. Neste sentido, a Xunta da Galiza e o Partido Popular aseguran que o proxecto contaría co financiamento garantido no caso dun Goberno en Madrid de Alberto Núñez Feixoo.

 

Perte territoriais

O PP recolle no seu programa electoral para os comicios de 23 de xullo unha mudanza na xestión dos fondos Next Generation. Nesta liña, aposta por introducir uns denominados Perte territoriais co obxectivo de apoiar proxectos considerados como tractores polos Gobernos das comunidades autónomas e que non teñen encaixe nos Perte existentes. A este respecto, as fontes populares consultadas por Nós Diario non dubidan en sinalar que a factoría de Altri en Palas de Rei será unha das favorecidas.  

Os populares defenden unha xestión descentralizada dos Next Generation, pois consideran que o modelo de cogobernanza seguido até agora desde o Estado non tivo en conta as especificidades de cada comunidade autónoma e permitiu ao Executivo estatal repartir os fondos discrecionalmente. Así, as fontes consultadas afirman que “realizaremos unha auditoría e avaliación sobre a xestión dos fondos para coñecer o verdadeiro estado de execución, o cumprimento dos fitos e obxectivos pactados, os problemas que dificultaron a súa execución, a coordinación entre administracións públicas ou os recursos e o persoal destinado para a súa xestión”.

Os novos prazos marcados para executar os investimentos ligados ao programa Next Generation, cuxo límite está fixado para decembro de 2026, así como os criterios introducidos neste segundo Perte da automoción avanzan mudanzas na orientación e xestión dos fondos comunitarios. A maiores, o baixo nivel de execución dos programas evidencia a ineficacia dunha xestión centralizada criticada por Gobernos autonómicos de todas as cores.

Comentarios