Xubilados e pensionistas mobilízanse en 7 cidades de Galiza. A pensión media en Galiza, 15 puntos por debaixo da media estatal

As concentracións denuncian o desmantelamento do sistema público de pensións e destacan que o o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo.

Pensionista

O 17 de novembro xubilados e pensionistas mobilizanse en sete cidades de Galiza na defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI. O Colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG acordou iniciar unha campaña en base a estas reivindicacións perante as novas cada vez máis frecuentes que advirten da viabilidade futura do sistema público de pensións. Denuncian que as reformas das pensións e da Seguridade Social, aprobadas polo PSOE e polo PP, “dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación”.

Esta última reforma das pensións executada polo PP elimina a referencia do IPC para o incremento das pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras, "sobre as mentiras do aumento da esperanza de vida".

Lembran, ademais, que case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa. Así, en Galiza a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

Tamén se refiren á “discriminación das mulleres nas pensións contributivas por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto á feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza”.

Comentarios