A Xunta inxectou 20 millóns de euros na quebrada Caramelo

Para alén de empréstimos, posuía a través de Xesgalicia unha participación do 7% na téxtil.

Caramelo

A nova da quebra de Caramelo supón unha nova xerra de auga fría para o tecido empresarial galego e para o emprego, nomeadamente na Coruña, onde a destrución dos postos da téxtil súmase aos EREs de Extel, Atento... A firma pide a liquidación ao non poder remontar a situación na que se atopaba e embora a inxección de cartos públicos da Xunta, que sumaban por volta duns 20 millóns de euros.

A Xunta, a través de Xesgalicia, ten unha participación dun 7% na firma quebrada. Pagou uns 3,2 millóns de euros polas accións. A isto hai que engadir os 16 millóns de euros en empréstimos públicos na liquidada Caramelo Gestión e medio millón en Caramelo SA.

A fin desta empresa téxtil supón o fechamento das súas tendas, da central e o corner que posuía en El Corte Inglés. Perderanse 169 empregos, dos cales perto de 80 en Galiza, a maioría deles na central (61) e 14 en tendas, ademais de 4 no mencionado 'corner'.

A compañía, propiedade do grupo Inveravante, de Manuel Jove, apontou nun comunicado que entre as causas da quebra estaba a “actividade danada pola crise de consumo en Europa e nomeadamente en España”. 

Comentarios