“Manda carallo, botafumeiro”, o ritmo da canción do PP

“Veña Galicia dos cabaleiros, as galegas primeiro” “Gaita e pandeiro”, “boas noticias, unha ledicia, remata o que inicias” son algúns dos versos da canción “Veña Galicia” que o PP encargou ao grupo Los Limones e están a empregar como banda sonora da campaña.

Todos os tópicos galegos están na letra da canción do PP. Festa, polbeiros, Ribeiro, gaita e pandeiro. Elementos que animan un “Veña Galicia” con que titulan unha peza en que a rima é un claro obxectivo. Non sen ese presuposto se entendería unha frase como “Chove, Galicia, celta, Patricia, Galicia Beneficia”.

Na acumulación de elementos que os populares deben entender como definidores da identidade galega, constrúese un verso de especial singularidade: “Manda carallo, botafumeiro”, todo adubado cun ritmo pop que busca ser pegañento. O retrouso repítese así en numerosas ocasións: “A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, vivan todas as fillas da miña terra”. A canción vai sumando tópicos ao longo da letra até visitar todos os que historicamente se adxudicaron a Galiza. O tema está a causar tanta sorpresa que hai mesmo quen se pregunta se se trata dunha brincadeira e non do tema oficial do PP. 

O vídeo comeza co texto escrito “Veña Galicia, es a ledicia, veña Galicia, boas noticias” en azul sobreimpresionado en branco para logo seguir con imaxes do país xunto con outras de Feijóo en actos políticos. Con escasa presenza das siglas populares, o texto adoece de machismo en frases como as que citan aos homes no ámbito laboral e ás mulleres con nomes sonoros para os seus rimados, até chegar a unha composición especialmente chamativa: “Veña Galicia dos cabaleiros, as galegas primeiro”. A canción xa está a soar nos mítines do Partido Popular.

Comentarios