O BNG pide que “toda a forza se sume nun mesmo brazo” para derrotar ao Partido Popular

O Bloque Nacionalista Galego pechou a campaña en Vigo nun ateigado pavillón de Navia, con capacidade para 1.500 persoas. Jorquera centrouse en comprometer que gobernarán ao servizo dos intereses da maioría e que as eleccións están abertas. Guillerme Vázquez pediu explicitamente o voto das clases populares e “dos machucados polas políticas do PP”.
Mitin de peche do BNG en Vigo
photo_camera Mitin de peche do BNG en Vigo

O BNG escolleu a cidade de Vigo para pechar a campaña. O mitin final tivo lugar nun ateigado pavillón de Navia con capacidade para 1.500 persoas, o triple que a sala do Teatro Novacaixagalicia na que AGE realizara un nutrido acto o día anterior. Co mesmo formato empregado pola fronte nacionalista ao longo da campaña --escenografía austera e disposición semicircular arredor dun escenario case a ras do chan-- o auditorio recibiu cun mar de bandeiras do BNG e máis estreleiras ás e aos integrantes das candidaturas e ao Portavoz nacional. O acto estivo marcado por un ambiente entregado, no que predominaban rostros animados, como deron conta os reiterados berros de “benegá, benegá” que inundaron o pavillón.

O candidato nacionalista á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, fixo pivotar o seu discurso en dúas mensaxes ben claras. A primeira que o BNG quere optar ao Goberno galego para orientar a política a favor do pobo con numerosas referencias á clase traballadora. “Temos a Vigo no corazón e na cabeza precisamente por ser aquí onde naceu o movemento obreiro galego, plantándolle cara á patronal e ao franquismo” proclamou.

“As eleccións están abertas, vanse decidir por un puñado de votos” asegurou Jorquera

A segunda mensaxe é a de que os comicios do 21-O están abertos e que a derrota de Feijóo é posíbel. “As eleccións están abertas, vanse decidir por un puñado de votos” asegurou. Para iso botou man do sucedido nas eleccións municipais no concello e Compostela lembrando que “un señor tan impresentábel como Conde Roa foi alcalde por só 14 votos, e unha das razóns foron os votos a candidaturas minoritarias”.

Alertou tamén contra o intento do Partido Popular de “desmobilizar a quen quere cambio”. Estratexia na que, segundo o nacionalista, a súa principal baza sería dividir o voto. O candidato do Bloque dirixiuse de xeito expreso á mocidade pedíndolle que non fique na casa o domingo xa que “sodes o futuro de Galiza e por iso tedes que botar --”con B” enfatizou-- aos que vos negan o voso dereito a vivir e traballar na vosa terra”. Tamén convocou a votar pola candidatura nacionalista ás “vítimas das políticas antisociais do Partido Popular”. “Non vos defraudaremos” comprometeu.

 “Feijóo non ten nada que ofrecer agás recortes, non fixo ningunha proposta en campaña”

Nun discurso especialmente enérxico e no que o candidato mesmo acabou quitando a chaqueta, asegurando en chave de humor que “hai que suar a camiseta”, empregouse con contundencia á hora de cuestionar o balanzo de goberno do Partido Popular á fronte da Xunta. “Feijóo non ten nada que ofrecer agás recortes, non fixo ningunha proposta en campaña” dixo, advertindo de seguido que “as maiorías absolutas sérvenlles --ao PP-- para se sentiren impunes para gobernar ao servizos dos privilexios duns poucos contra os intereses da inmensa maioría da sociedade”.

Do ton firme que despregou o cabeza de cartel do BNG deu boa conta a súa referencia ao exdeputado do PPdeG e aínda militante dese partido, Castelao Bragaña, a quen cualificou de “terrorista” polas súas declaracións nas que aseguraba que “as leis son como as mulleres, están para ser violadas”.

“O camiño ten que ser o de renegociar a débeda, e se Bruxelas non quere renegociar, negarnos a pagala”

Outro dos flancos polos que o nacionalista golpeou a Feijóo foi o da submisión do popular aos ditados de Madrid e Bruxelas. “Feijóo só quere que Galiza non lle supoñamos un problema a España, mais non lle preocupa en absoluto que as políticas de Rajoy estean a arruinar o noso país”. Neste senso, Jorquera amosouse certo de que serán quen de parar o que cualificou de “onda centralista”. “Non vai triunfar nin en Catalunya nin e Euskadi e dígovos que o pobo galego precisamos inda máis ca eles poder decidir por nós propios para sermos donos do noso futuro” dixo, cualificando aos gobernos do PP de “gobernos de imperialistas fracasados”.

Asemade, Francisco Jorquera enviou tamén unha mensaxe a Mariano Rajoy: “non hai que pedir o rescate”, porque segundo o nacionalista o mesmo sería “para rescatar á banca a costa de saquear ao pobo”. En troques propúxolle un vieiro alternativo. “O camiño ten que ser o de renegociar a débeda, e se Bruxelas non quere renegociar, negarnos a pagala” dixo, acrecentando que “o pobo non ten porque pagar a débeda dos bancos”.

Guillerme Vázquez pide “o voto das clases populares”

Pola súa banda o Portavoz nacional, Guillerme Vázquez asegurou que acudía a Vigo a “pedir o voto das clases populares, de todos os que queren vivir e traballar na terra”, citando a pensionistas, mariñeiros, vítimas dos desafiuzamentos hipotecarios, persoas afectadas pola estafa das preferentes, asalariadas e asalariados, comerciantes e autónomos –aos que segundo Vázquez o PP está a levar á ruína-- e tamén ás mulleres, que segundo denunciou “o PP quere levar de volta a casa coa pata quebrada”:

“Nós podemos mirarvos aos ollos porque foi o nacionalismo, o político e o sindical, o que estivo e está convosco na trincheira"

A defensa do traballo desenvolvido polo BNG foi a constante nun acto que as e os nacionalistas quixeron empregar como derradeira demostración de forza antes do domingo. “Nós podemos mirarvos aos ollos porque foi o nacionalismo, o político e o sindical, o que estivo e está convosco na trincheira, ao carón dos machucados pola política do PP” sostivo.

As referencias a outras candidaturas tamén estiveron presentes no mitin. Guillerme Vázquez presentaba deliberadamente o apoio ao BNG como “o voto caseiro, caseiro, cen por cen galego” e aseguraba que o Bloque “non é un invento electoral para despois desaparecer” provocando un dos maiores aplausos da tarde-noite. “Galiza non precisa para se salvar de ningún exército estranxeiro, que sempre son de ocupación” engadiu.

"Neste país a xustiza só condena aos sindicalistas por defender aos traballadores?"

O Portavoz nacional cargou tamén con forza contra do Presidente cesante a quen alcumou “Pinocho Feijóo” asegurando en chave de humor que “non lle colocan o detector de mentiras porque o faría estoupar”. Retrucando unhas declaracións nas que Núñez Feijóo acusaba ao Bloque de ficar “fóra da realidade”, Vázquez esforzouse por “cantarlle as verdades” facendo mención da situación do naval ou das caixas de aforro.

A respecto das caixas o portavoz nacionalista demandou que se depuren responsabilidades e exixiu que os directivos “devolvan os cartos que se levaron”, así como que se lles reintegren os seus aforros ás vítimas das participacións preferentes. Guillerme Vázquez pediu que se investiguen as “responsabilidades penais” nas que puidesen ter incorrido as direccións das caixas, preguntándose se “só se condena a sindicalistas por defender aos traballadores?”, interrogante que recibiu unha ovación de todo o auditorio.

Aymerich presenta ao BNG como “a verdadeira alternativa galega e de esquerdas”

“Declaráronnos a guerra”, así encetaba a súa intervención o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich, en referencia ao Partido Popular. O nacionalista denunciou que o PP “rompeu unilateralmente o contrato social” e puxo como exemplo que coas súas políticas “expulsaran a un de cada dous mozos universitarios fóra de Galiza”.

"O PP só vai gobernar para os especuladores que engordan a costa da nosa pobreza e do sometemento do noso país"

Aymerich que alertou de que despois do 21-O “baixarán as pensións” dixo que o PP “só vai gobernar para Gayoso, Méndez ou García Costa, para os especuladores que engordan a costa da nosa pobreza e do sometemento do noso país”.

O número un por Pontevedra chamou a que “toda a forza se xunte nun mesmo brazo, no do BNG” para gañar o pulso á dereita. “O BNG é a verdadeira alternativa galega e de esquerdas” asegurou.

Como a auga contra a rocha

O acto contou tamén coa intervención da deputada nacionalista e candidata número dous pola provincia, Carme Adán. Adán reivindicou tamén o traballo feito pola fronte nacionalista que describiu afirmando que “fomos a voz rebelde e insubmisa durante estes tres anos e medio, na rúa e no Parlamento, presentámonos con máis que palabras” e dando conta --entre aplausos-- das principais actuacións do Bloque como o apoio ás folgas xerais.

 “Fomos a voz rebelde e insubmisa durante estes tres anos e medio, na rúa e no Parlamento, presentámonos con máis que palabras”

Na súa intervención a candidata fixo unha metáfora para explicar que o BNG enfronta estas eleccións “como a auga fronte a rocha”. “Coa nosa persistencia gañaremos a batalla á rocha da inxustiza”. Carme Adán concluíu declarando que “non chega con explicar a crise, é o momento de actuar, de mudar as cousas xa”.

Na apertura do mitin, o portavoz nacionalista no Concello de Vigo, Santi Domínguez, fixo referencia á diversidade do público presente. “Este é un acto aberto onde non precisáchedes convite nin para pasar nin vos cachearon nas portas --nunha crítica velada á campaña do PP--, un acto aberto como sempre é o BNG” dixo. Domínguez foi o responsábel dunha das máis explícitas referencias ás escisións do BNG, asegurando que “uns marcharon para xirar máis á dereita e outros para mirar máis a Madrid”.

Comentarios