O BNG pulará polos dereitos dos animais

A fronte nacionalista levará no seu programa medidas contra o maltrato animal e a prol da supresión das touradas na Galiza.

Ana Pontón, candidata ás vindeiras eleccións nacionais galegas pola circunscrición da Coruña, reuniuse esta cuarta –xunto con outros representantes da fronte nacionalista—con Rubén Pérez Sueira, membro de Libera! e voceiro da plataforma Galiza mellor sen touradas. Na xuntanza, @s nacionalistas achegaron posturas co activista e debullaron as medidas que o BNG levará no seu programa electoral co obxectivo de “fomentar o respecto e a protección dos animais así como impulsar as modificacións lexislativas que sexan necesarias para impedir a celebración de touradas en Galiza”, asegurou.

Segundo afirmou Pontón o obxectivo é suprimir este tipo de "prácticas” cruentas do país, pois non “representan a cultura galega” senón que pola contra pretenden ser inxeridas “forzosamente no país”. Aliás, o voceiro de Galiza mellor sen touradas, Rubén Sueira, asegurou que na Galiza é preciso eliminar aquelas actividades que supoñan un tratamento antinatural e violento contra os animas, entre as que se atopan –ademais das touradas--, outras prácticas como o tiro ao pombiño.

Neste sentido, Ana Pontón, avanzou que o BNG levará no seu programa electoral propostas que melloren a situación de moitos animais a través do apoio institucional ao tecido asociativo que traballa na súa defensa e protección. Entre os exemplos, Pontón fixo énfase na necesidade de mellorar as condicións de traballo das canceiras e protectoras de animais, cuxos orzamentos se viron enormemente diminuídos nos últimos anos, sendo incapaces de facer fronte ás necesidades dos animais.

 

Comentarios