"Anacos" de Xacio Baños, premiada no Festival de Cine Internacional de Cartagena

A curta "Anacos", de Xacio Baños, ven de ser recoñecida co premio Carabela de Plata ao mellor filme no concurso de curtametraxes do Festival Internacional de Cine de Cartagena. Súmase ao premio especial de xurado no Festival de Cine Español de Málaga, a mención especial do Xurado do Festival Internacional das Palmas e o de mellor guión no Cortocircuito de Compostela.
Anacos, de X. Baños
photo_camera Anacos, de X. Baños
Os 6 minutos de "Anacos" estanlle a dar moitas alegrías ao seu director Xacio Baños. Recibe agora o premio Carabela de Plata á mellor curtametraxe no festival Internacional de Cine de Cartagena despois de ser xa con anterioridade recoñecida co premio ao mellor guión no Festival Cortocircuito de Comostela, a Biznaga de Prata, Premio Especial do Xurado en Málaga e unha Mención Especial no Xurado no Festival Internacional das Palmas. 
 
"Anacos" conta no reparto con Mabel Ribera, Fernando Morán e Xosé Barato. Trátase da cuarta curtometraxe de Baños despois de Quentefrío (2009), Relación de Acordes (2009) e Estereoscopía (2011) . A curta foi gravada no Concello de Cambre. Na sinopse da peza, o director, guionista e productor, Xacio Baños, sentenza que “a vida dunha persoa pode ser tan simple e sinxela como a súa receita de biscoito”. Responde o lema ao episodio persoal que deixa escrito no seu blog cando evoca que seu avó, nunha xornada de traballo no monte, lle dixera: “Arreglar a casa, comprar uns montes e estudar aos fillos. Aí vai a vida dun home”. O autor completa a lembranza coa súa impresión, que está agora na base da curta premiada: “Aterroume. Como pode un home de 75 anos resumir a súa existencia en dúas liñas?”.

Comentarios