As concentracións amárganlle aínda máis o congreso ao PP

Máis de mil persoas concentráronse diante do Pazo de Congresos de Lugo onde o PP de Galicia está a celebrar o seu congreso. As vítimas das preferentes, as persoas afectadas por desafiuzamentos e SOS Sanidade Pública amargáronlle aínda máis o congreso ao partido do goberno.
Concentración Preferentes en Lugo
photo_camera Concentración Preferentes en Lugo

Máis de mil persoas concentráronse diante do Pazo de Congresos de Lugo onde o PP de Galicia está a celebrar o seu congreso. As vítimas das preferentes, as persoas afectadas por desafiuzamentos e SOS Sanidade Pública amargáronlle aínda máis o congreso ao partido do goberno.

Nin a chuvia nin o frío nin o forte cordón policial impediron que máis de mil persoas se concentraran nesta mañá de domingo para protestar diante do Pazo de Congresos de Lugo no que o PP de Galiza está a celebrar o seu congreso. Ás vítimas das preferentes, que se manifestan conxuntamente coas dos desafiuzamento, sumáronselle centos de persoas que reclamaban os servizos de radioterapia, hemodinámica e medicina nuclear prometidos desde febreiro de 2011 para o Hospital Lucus Augisti de Lugo.

“Esiximos que nos devolvan os nosos aforros de toda unha vida”. A grande pancarta da Plataforma das Preferentes de Lugo presidía unha mobilización na que unha vez máis ás vitimas da estafa manifestaron a súa vontade de non parar até conseguir a devolución íntegra dos seus cartos. Xesús Domínguez dirixiuse ás persoas concentradas en representación das distintas plataformas para denunciar que “por riba da estafa bancaria ven unha nova do Consello de Ministros, a quita. Rouban a metade e queren que a outra sexa canxeada por accións non cotizábeis”. Reclamaron así a “anulación de cada un dos contratos que se comercializaron con enganos e a devolución dos cartos ou mesmo o seu troco por depósitos a prazo fixo,como Castellanos ofertou en maio mais Rajoy negou despois”.

Coa súa presenza diante do Congreso do PP identificaban, ao seu ver, aos responsábeis da estafa. “Os responsábeis son o PP, porque son eles os que permiten a legalización das preferentes pola caixas de aforros, con Rato como ministro e Rajoy como vicepresidentes, os mesmos que dez anos despois blindan a estafa bancaria garantindo que non teñan que devolver os cartos. Somos nós os que imos pagar o rescate bancario” apuntou Xesús Domínguez.


Alertou tamén de que a cada pouco o número de vítimas aumenta e mesmo hai persoas que nestes días, ás veces pola morte dun familiar, se están a dar conta de que teñen cartos en preferenes e outras que aínda non o saben.

As promesas incumpridas do HULA


Con chuvia e frío estaban a súa beira centos de persoas que reclamaban a dotación dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear para o HULA. O xornalista Paco Nieto foi o encargado de ler o manifesto da convocatoria de SOS Sanidade Pública de Lugo no que denunciaban que xa na data da inauguración o 26 de febreiro de 2011 o presidente Feijoo fixera a promesa dunha apertura que 650 días despois aínda non se produciu. “Un hospital require dotacións tecnolóxicas axeitadas ás necesidades da poboación” apuntou, para, a seguir, relatar as dificultades das persoas enfermas e os problemas para se desprazaren por non teren o servizo en Lugo. Á concentración asistiron o deputado do BNG no Parlamento Galego Cosme Pombo, o voceiro no concello Antón Bao e o responsábel comarcal e deputado na Deputación de Lugo, Mario Outeiro.

 


Comentarios