Na defensa dos camiños de ferro

A Coruña mobilízase contra o desmantelamento dos servizos ferroviarios. 

A aprobación o pasado mes de xullo do decreto 22/2012, permitirá a privatización de Renfe, aliás a propia norma prevé a súa fragmentación en catro  empresas privadas diferentes encamiñadas a liberalizaren o sector en 2013. 

As disposicións que compoñen o texto contemplan a elaboración duns informes en que se determine o grao de viabilidade das liñas existentes á fin de suprimírense aquelas que se consideren “pouco viábeis economicamente”. Desde o BNG da Coruña, lanzan unha campaña baixo o lema ‘Pola defensa dos camiños de ferro na Galiza e na Coruña’ cuxo obxectivo é frear a redución dos servizos ferroviarios promovida polo goberno español. Aliás, exixirán a mellora das infraestruturas e a transferencia das competencias en materia de transporte á Xunta de Galiza.

A prol do transporte público e colectivo

O voceiro municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, asegurou que esta medida, suporía o peche das liñas A Coruña – Ferrol e A Coruña – Monforte, porén aseverou que a rendibilidade social dos servizos en tempos de crise deben primar sobre a viabilidade económica dos mesmos. Neste senso, lembrou que a liña A Coruña – Ferrol, aumenta acotío o número de utentes “malia a duración do traxecto –case a mesma que percorrer Madrid – Valencia--, malia o prezo (5.75€) e as poucas frecuencias (só cinco os días laborábeis)”. Carril, demandou ao goberno galego unha maior aposta polo tren de proximidade, do que dixo, “é un transporte barato e cómodo” e o aprobeitamento dos camiños de ferro existentes para facer da Coruña unha cidade máis competitiva.

Subirse ao tren para recuperalo

A campaña iniciada polo BNG comporase de material informativo a distribuír entre a cidadanía e da recollida de sinaturas a prol da mellora nos servizos de media distancia –como o aumento do número de frecuencias--, o pulo ás infraestruturas existentes –como a rehabilitación do traspase de Betanzos--  e da transferencia de competencias. Os pregos recollidos serán enviados á Xunta de Galiza e ao goberno español.

Aliás, a campaña terá un acto central o vindeiro 22 de setembro no que unha boa chea de persoas confluirán en Betanzos após percorreren o traxecto da liña A Coruña – Ferrol en cadanseu tren. 

Comentarios