No Sermos nº59, Ence aspira a se perpetuar en Pontevedra

Un novo número do semanario na rúa. Falamos de como Ence move ficha para seguir en Lourizán alén 2018, mergullámonos nas radios libres que hai en Galiza e achegámonos até Baralla, a vila cuxo alcalde xustificou as matanzas franquistas. E máis: contámosche o conflito de Povisa, entrevistamos o autor Fausto Isorna...

Sermos Galiza 59

É quinta-feira e Sermos Galiza xa está en quioscos e librerías. O número 59 do semanario. No tema central pousamos a lupa sobre Ence e as manobras da pasteira para se perpetuar na Ría de Pontevedra alén 2018, ano no que caduca autorización. Ten o seu favor, a Lei de Costas feita polo PP a medida dos seus intereses.

Mais neste número falamos de moitas máis cousas. Aínda que sexa verán, non descansamos. Non nos resignamos a insistir na vergoña de que as grandes corporacións paguen só 12 euros de cada 100 de beneficios, menos da metade do que paga unha pyme.

Brasil, Ave, Angrois

A traxedia de Angrois segue a ser noticia. O goberno español quere que o sinistro non salpique a alta velocidade española. O motivo? Brasil exixe aos aspirantes ao megacontrato millonario de 13.000 millóns de euros para construír a súa alta velocidade que nestes 5 anos non tivesen sinistros mortais. BNG e AGE insisten en pedir que se esclareza o que pasou, e por que, na Grandeira.

E entrevistamos a María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, que louba a resposta sanitaria no sinistro grazas á entrega dos profesionais.

Radios Libres e liberadas

Na Galiza hai media ducias de radios libres e liberadas. Unha programación allea a intereses de ‘mercado’ e que fusiona o interese por estar en contacto coa cidadanía, co espíritu de ser a outra voz, cada vez máis precisa.

Tamén falamos neste Sermos dos efectos da reforma laboral e da privatización sanitaria de Povisa, da folga d@s seu cadro de persoal nunha loita que evidencia o carácter depredador das e dos que só procuran beneficios.

Baralla: fascismo, nunca máis

O franquismo ten a súa memoria. E non está arrepetindo. Quizás, porque nunca foi, nin é punido por iso. As palabras do alcalde de Baralla xeraron unha treboada política, mais ningún efecto máis. Nin dimisión nin cese. Nunha comarca onde os franquistas pasearon e fusilaron a máis de 40 veciños, a ‘bestialidade’ do alcalde do PP vaille saír de balde.

Mais neste número 59 achegamos moitas máis cousas: Fomos ate o Festival de Pardiñas e alucinamos cuns xaponeses; viaxamos por Catalunya da man da paixón pola independencia que este 11 de setembro callará nunha xigantesca cadea humana; intentamos entender, cun seareiro coruño-coruño, a tolería que se viviu no Depor...

Trinta anos a debuxar e visita ao País das Dornas

E tamén entrevistamos a Fausto Isorna, o autor galego convidado a Viñetas desde o Atlántico. Trinta anos de historietas e personaxes nos ollos deste autor de Catoira.

E na sección de Viaxes na miña Terra damos unha volta pola Arousa, así, cun A moi aberto, que é como os da contorna lle chaman á Illa de Arousa, aos carcamáns.. Gozamos dun lugar precioso pola paisaxe, vitalista pola súa xente e coas augas señoreadas polas dornas. D-o-r-n-a-s!! En que cres que viaxaban os vellos deuses celtas aos seus olimpos?

Comentarios