Os e as galegas saen na defensa do seu monte


Centos de persoas rexeitan nas rúas de Compostela unha lei que remata coa peculiaridade xurídica do monte comunal e equipararía as comunidades de montes con empresas privadas

Varios centos de persoas procedentes de diferentes comarcas do país manifestáronse en Compostela para rexeitar a Lei de Montes que tramita a Xunta de Galiza. Unha mobilización convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e que contou co apoio de diferentes organizacións, entidades e sindicatos.

Tras unha faixa na que se resumía a demanda d@as manifestantes, “Na defensa do monte veciñal. Por unha Lei de Montes xusta”, @s participantes na protesta, que partiu da estación deos camiños de ferro para finalizar na Praza da Quintana, non viron os seus folgos minguados en ningún momento pola persistente poalla que caeu durante toda a mobilización.

“Queren acabar coa peculiaridade xurísica do monte comunal, no que todo veciño pode ser un comuneiro”, sinalaban integrantes das comunidades de montes, que alertaban que a lei que está a tramitar o goberno galego supón non poucos prexuizos “para comuneiros, e para veciñanza tamén”, afirmaban.

“Especuladores, fóra do monte”

Entre os puntos da lei que máis rexeitamento xeran entre os manifestantes están o de abrir a porta á “usurpación” de montes veciñais para a xestión por empresas privadas; ou ben que a administración deixará de ser a que faga os deslindes; así como aquelas medidas que, “na práctica, van supoñer derogar a lei de prevención de incendios”. Mais hai máis motivos para estar en contra desa lei, apuntan os convocantes da protesta, como a de que se acabe equiparando ás comunidades de montes con empresas privadas, ou a aposta do goberno autonómico por unha visión meramente produtivista do monte que favoreza monocultivos frente a un monte sustentábel e multifuncional.

Ao longo da marcha foron varias as consignas e lemas coreados polos e polas manifestantes, un amplo abano de reclamacións a voces que abranguían desde “Especuladores fóra do monte” ata “O monte veciñal, co PP vai moi mal”, pasando por “Goberno recúa, estamos na rúa” ou polo xa 'clásico' presente en todas as mobiliziacións: “A culpa de quen é? Dos que votan ao PP”.

A manifestación finalizou na Praza da Quintana tras atravesar zona nova e vella compostelá na reclamación dun monte “que é noso, por iso é de todos e todas, e aí está o que lle aquela ao goberno de Feijóo”.

“Esiximos ao PP que non siga adiante coa tramitación desta lei “, afirmou a voceira do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, que participou na obilización xunto a outros cargos orgánicos e institucionais da formación nacionalista. “O BNG ten claro que o monte galego é unha fonte de riqueza moi importante para o País, que ten potencialidae e capacidade para xerar emprego, pero para iso precisa duotra política forestal”.


Foto da portada: X.P. Igrexas

Comentarios