Vintecinco anos de nacionalismo no Concello de Pontevedra

Fanse vintecinco anos de presenza nacionalista en Pontevedra. Un cuarto de século desde aquel 1987 en que Miguel Anxo Fernández Lores entraba en solitario no consistorio que pasaría a presidir en 1999. O BNG conmemora o aniversario e a mudanza dunha cidade nova.

Unha exposición no Pazo da Cultura dando conta do antes e despois do BNG no goberno da cidade, o acto público de homenaxe a Lores que tivo lugar na noite de onte e mais unha xuntanza de concelleiros e concelleiras de todas as corporacións nestes cuarto de século son algunhas das iniciativas que conmemoran os 25 anos do nacionalismo no Concello de Pontevedra. Os nacionalistas do goberno municipal aproveitaron a celebración para presentar unha remodelación do goberno máis acaída ao tempo de crise.

A optimización dos recursos xunto cun reforzamento das áreas de economía, servizos sociais e xuventude son as liñas que conduciron a remodelación do goberno que Miguel Anxo Fernández Lores ven de apresentar en Pontevedra. Ao seu dicir, perséguese tirar as posibilidades económicas do Concello “especialmente atender a cuestións de emerxencia social, facer unha especial adicación a temas de xuventude” adenais de se preocupar de asuntos económicos e territoriais. Fortalécese tamén a figura do coordinador do grupo, Cesár Mosquera, co fin elaborar unha “programación de prioridades”

A remodelación ten lugar en plena conmemoración dos 25 anos de nacionalismo en Pontevedra, data que se cumpre desde aquel 1987 no que Lores entraba como concelleiro único do BNG no consistorio da cidade do Lérez para exercer unha oposición que, aos poucos, iría afortalando a súa presenza na corporación. Catro representantes acadaríanse nas seguintes eleccións nas que se iría perfilando a alternativa de goberno nacionalista. “Tiñamos
un plan para dinamizar e poñer en valor esta xoia, este concello decadente e paralizado” explican deste tempo na mostra.A sete concelleiros pasaría o nacionalismo en 1995. “Son anos nos que se foi gañando a confianza da cidadanía en base a un traballo social e institucional de auténtico compromiso co futuro de Pontevedra. Un equipo sólido, que se mantén no tempo, tanto na oposición coma no goberno, cunha gran firmeza” destacan destes últimos catro anos ate que, en 1999 Miguel Anxo Fernández Lores leva ao nacionalismo a gobernar en solitario con dez concelleiros e comezar as medidas que producirían o que chaman un “cambio vertixinoso” na cidade. Peonalización, eliminación da raiá das festas, inaxistencia ás procesións e desvinculaciónn das touradas, regreso das festas ao centro, nacemento da Feira Franca, recoñecementos a Castelao e Bóveda e recuperación da memoria histórica son algunhas das medidas que se singularizan na mostra na que se recollen os últimos vintecinco anos de historia da cidade. “Os sectores máis conservadores reaccionaron, pero a cidadanía contestou coa Festa da Calidade Urbana, na inauguración da nova Glorieta de Compostela, que simboliza o cambio de tendencia” explican.

Explican o modelo urbano como un deseño “atento ás necesidades da cidade e dos seus habitantes, dinámica, expansiva, socialmente cohesionada, de alta calidade ambiental e urbana, cun rural desenvolvido e cunha xestión sustentábel”. Liñas que continuarían cando en 2003, a nacionalista se converte na lista máis votada do concello e volve gobernar desta volta en coalición co PSOE, bipartito que continúa na actualidade. O saneamento do río e a ría foi tamén un dos seus principais obxectivos e un dossingulares logros. “A promesa de bañarse no Lérez unha vez concluída a obra do saneamento foi cumprida para asombro de moitos cidadáns. Hoxe, o río é escenario de importantes campionatos deportivos de nivel internacional. Unha acción institucional na que se implica a cidadanía e contribúe a elevar a autoestima urbana” sinalan dun dos logros dos que máis se gaban en Pontevedra, unha cidade que conta tamén co recoñecemento exterior pola transformación do modelo urbano e o incremento da calidade de vida dos viciños e viciñas.

Comentarios