Máis unha sexta, Sermos Galiza!

O Día da Patria, o panorama político que se debuxa na Galiza após este 25 de xullo, o xaque á frota pesqueira galega, algunhas razóns para irmos á folga xeral, apuntamentos da vida e obra de Xavier Queipo, o pacto Galeuzca visto por un experto, a reforma do código penal e do aborto e unha viaxe de Columbine a Denver. Eis algúns dos contidos que poderás ler no exemplar desta semana.

A actualidade volve colocarse baixo a lupa no número 8 do Sermos en papel, que chega esta sexta aos puntos de venta habituais e aos fogares d@s nos@s subscritor@s. Unha análise do panorama político que se debuxa na Galiza após os actos e mobilizacións do Día da Patria completa a ampla cobertura informativa que este medio deu ao 25 de xullo. Nela poderedes mergullarvos durante o tempo que demoredes en ler as sete páxinas que lle dedicamos.

Mais imos primeiro ollar a contra. Pilar Bispo, produtora agroecolóxica, cóntanos as posibilidades do noso agro e como apostou ela por comercializar o froito das súas leiras nun postiño no mercado en Compostela, A casa da Quenlla. Pasamos as páxinas cara atrás, e detémonos na sección infantil. Okapi sae do Courel para nos presentar a coelliña Marcela, protagonista da fábula escrita en 1979 pola recentemente falecida Esther Tusquets e que vén de reeditar Kalandraka.

E seguimos a pasar follas, deténdonos na sección Memoria, onde poderedes saber máis sobre o premio 'Día da Galiza Mártir' que a fundación Alexandre Bóveda vén de lle outorgar a Mini e Mero. Xavier Queipo repasa un ano de éxitos que culminou coa consecución do premio Xerais nunha ampla conversa que recollemos en Cultura. A través das páxinas de Internacional viaxamos até os EUA, de Columbine a Denver, co ollar posto na campaña electoral.

A reforma do Código Penal, con dúas novidades que suporán, na práctica, unha cadea perpetua encuberta e que afectarán nomeadamente a pres@s polític@s sentenzadas co mazo da lei antiterrorista; a coitelada á soberanía das mulleres sobre os seus corpos que trae da man unha reforma do aborto que imporá a maternidade; e as restricións no dereito á folga que se aplicarán nunha nova chiscadela do Goberno español á patronal. Son os temas que atoparedes na sección de Social.

Falamos co historiador Xosé Estévez, un dos maiores expertos no Galeuzca, que comezou a estudar após coñecer un fraile capuchino que estivera no exilio con Castelao. En Economía dámosche cinco 'sinxelas' razóns para secundar a folga xeral, e dámoslle a volta ás tres que sempre se argumentan para non secundala. Informamos tamén de como se lexisla a la madrileña sobre a nosa frota pesqueira, pondo en risco a actividade de 500 barcos galegos.

Iso é (case) todo. Agardamos que gostedes deste novo número! Polo medio das súas páxinas atoparedes unha folla de subscrición. Non esquezades enchela. Só coa teimosía de tod@s nós será posíbel ver nos quiosques e librarías prensa crítica que fale na nosa lingua.

Comentarios