12 disparos a queimarroupa en 15 segundos para matar Kajieme Powell

Un vídeo -disponíbel no interior- mostra como esta terza feira 2 axentes dispararon a queimarroupa a Kajieme Powell, o segundo afro-americano morto a tiros pola policía en St Louis, Missouri, nos últimos días.

video
photo_camera Vídeo tomado de Youtube

O vídeo, gravado por unha testemuña dos feitos e disponibilizado pola policía de St Louis, non deixa lugar a dúbidas: os axentes podían ter reducido a Kajieme Powell, de 25 anos, sen disparar a matar.

Os axentes alegan que o mozo afro-americano portaba un coitelo e o vídeo permite ver que, con efeito, levaba un obxecto na man. Testemuñas afirman que os policías poderían ter disparado contra as pernas do rapaz ou ben ter utilizado o Taser, un arma de electrochoque para imobilizar a quen recebe o seu impacto.

A versión da policía é que recebeu a chamada dunha tenda da zona en que se lle indicaba que acababa de ser obxecto dun roubo -apenas uns refrescos e uns donuts- por parte dun mozo que ía armado.

Os axentes personáronse decontado. Estacionaron o carro. Localizaron o mozo. Chamaron por el. Este achegouse. Pedíronlle que puxese o coitelo no chan. Non o fixo. Tampouco é que lle desen moito tempo para reaxir. 15 segundos após chegar os policías ao lugar dos feitos, abriron fogo contra Powell. 12 disparos. Todos a matar.

O policía chefe de St Louis admitiu que os seus axentes están a traballar baixo moita tensión e anunciou pesquisas para esclarecer as dúas mortes, a de Powell e a de Michael Brown, o mozo de 18 anos cuxo asasinato -6 balazos a un rapaz desarmado- foi o detonante da vaga de confrontos nas rúas entre os afro-americanos de Ferguson e as forzas policiais e mesmo militares (foi mobilizada a Guarda Nacional do Estado) norteamericanas.

Comentarios