A Fiscalía de Múnic prohíbe ao grupo Ska-p tocar a súa canción 'Intifada' nun concerto

"Dous policías dixéronnos antes do concerto que a canción era delituosa e se a tocabamos pararían o concerto e deteríannos a todos, músicos, técnicos e organizadores do festival”, denunciou o grupo madrileño nas súas redes sociais.
Prohiben-a-SkaP-tocar-Intifada-en-Munich-1024x576
photo_camera Concerto en Múnic.

O grupo de ska-rock-punk madrileño Ska-P denunciou que a Fiscalía de Múnic impediulles tocar a súa canción Intifada esta fin de semana nun concerto nesta cidade alemá. “Dous policías dixéronnos antes do concerto que a canción era delituosa e se a tocabamos pararían o concerto e deteríannos a todos, músicos, técnicos e organizadores do festival”, denunciou o grupo madrileño nas súas redes sociais.

“O mellor do concerto o apoio e a calor da nosa xente. Grazas”, indican na súa mensaxe, que publicaron acompañado dun vídeo no que se escoita aos asistentes ao concerto corear  “Liberdade para Palestina”

Intifada, que figura no disco Incontrolable(2004) é unha das cacións máis coñecidas de Ska-P. Aborda a ocupación eo sistema de apartheid que o Estado de Israel aplica ao pobo palestino.

A polémica comezou a principios de semana, cando Ska-P tivo que emitir un comunicado perante as acusacións de antisemitismo por esta canción.

“A estas alturas estannos cualificando de antisemitas algunhas malas linguas en Alemaña. Non, non somos antisemitas, desde o noso ateísmo respectamos todas as persoas relixiosas sexa cal for a súa relixión, non ás relixións en si, xa que cremos que xamais poderás pensar libremente se creces entre dogmas e adoctrinamientos”, sinalaron entón nun comunicado nas redes sociais.

Nese mesmo comunicado, Ska-P explica que a canción “é unha denuncia á ocupación por parte do Estado de Israel do pobo de Palestina, aos asentamentos e roubo de terras, á brutal segregación e á negativa por parte do Estado de Israel e os seus socios da creación dun Estado Palestino. Ser antisionista non é ser antisemita”, conclúen.

Comentarios