Acelérase o Brexit co nomeamento de Theresa May como primeira ministra do Reino Unido

Asumirá a responsabilidade oficialmente na cuarta feira após comunicar Cameron a Buckingham a súa renuncia.

A partir desta cuarta feira (13 de xullo) o Reino Unido terá nova primeira ministra. Será Theresa May após abandonar a carreira por Downing Street a outra candidata, Andrea Leadsom. 

Theresa_May_Goberno UKA decisión acelera de facto o proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea após o resultado do referendo do 23 de xuño pois, inicialmente estaba previsto que David Cameron se mantivese á fronte do partido conservador e do país até o mes de outubro.  Agora, será May quen lidere as negociacións coas institucións comunitaris toda vez que sexa activado o artigo 50 do Tratado de Lisboa, a primeira vez na historia en que será invocado. 

Así as cousas, Theresa May posicionouse contraria ao Brexit durante a campaña electoral pedindo a permanencia do Reino Unido na UE. Porén, en declaracións á imprensa após anunciarse o seu relevo a Cameron sinalou que desenvolverá a súa tarefa pois 'o Brexit significa Brexit', afirmou. De maneira taxativa facía esvaecer calquera hipotética pretensión de que finalmente o goberno británico fose recuar.

Trátase da segunda muller en asumir o cargo  após Margaret Tatcher

Neste senso, avanzou que levará a cabo a encomenda cun liderado forte e nunha negociación que supoña "o mellor acordo" para o Reino Unido cunha "visión positiva" e á fin de construír "un mellor Reino Unido". 

Theresa May é parlamentar desde 1997 polo distrito de Maidenhead, ao oeste de Londres. Desde a chegada ao goberno de David Cameron, en 2010, asumiu a responsabilidade de Muller e Políticas de Igualdade (até 2012) e de Interior. É graduada en Xeografía e a segunda muller en asumir o cargo de primeira ministra após a tamén conservadora Margaret Thatcher. 

Comentarios