A concelleira do Partido dos Traballadores (PT) brasileiro Carla Ayres presentou unha denuncia contra Marquinhos da Silva, do Partido Social Cristián (PSC), despois de que este a agarrase e a bicase pola forza en plena sesión da Cámara Municipal de Florianópolis, no sur do Brasil.
A agresión tivo lugar durante un pleno, despois de que Ayres volvese da tribuna á que subira para intervir sobre un proxecto de lei.
Mentres regresaba ao seu escano, Da Silva levantouse do seu escano e interceptouna, agarrándoa do brazo e achegándolla para tentar darlle un bico.
As imaxes do acontecido mostran como Ayres se tenta soltar, visibelmente molesta. A concelleira do PT revelou que mentres estaba a intervir no pleno, Da Silva estaba a se rir, "como se el estivese nas bancadas e eu estivese a perder un debate ou un partido", informou a concelleira ao diario Folha de São Paulo.
No dia em que aprovamos a Procuradoria da Mulher na Câmara Municipal de Florianópolis, mais uma cena de assédio que precisamos lutar para que não ocorra nas ruas e nos parlamentos do nosso país. Não é brincadeira se só um riu! pic.twitter.com/2a8VytmG6X
— Carla Ayres (@carlaayres) December 7, 2022
Cando Ayres ía camiño do seu escano, Da Silva dixo algo así como “perdiches” ao que ela lle respondeu que se trataba de algo serio.
"Entón el agarroume do brazo, cando lle dei as costas el levou a cabo esa escena indecorosa e seguiu ríndose e dicindo que estaba todo ben. Foi bochornosa", contou.
Ayres contou que aínda que Da Silva despois pediulle desculpas, "esa non é a cuestión" xa que o ocorrido non é propio dun parlamentario. "É noxento", dixo a concelleira do PT, que presentará unha denuncia por acoso sexual e violencia de xénero.
"Un sistema que o permite"
A concelleira denunciou que o caso é un reflexo máis dun sistema "que permite aos homes actuar coas mulleres como desexan, proferindo palabras e accedendo aos nosos corpos sen pedir autorización e sen ter coñecemento de que están a cometer unha invasión da privacidade".