Alemaña e os Estados Unidos enviarán tanques ás Forzas Armadas de Ucraína

Ucraína recibirá tanques occidentais grazas ao cambio de posición da OTAN, o que, segundo Rusia, non cambiará o devir da guerra, mais supón que Berlín abandona a "responsabilidade histórica" polos crimes alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.
Adestramento cun tanque alemán Leopard 2 o pasado mes de outubro en Baixa Saxonia (Alemaña). (Foto: Moritz Frankenberg / dpa)
photo_camera Adestramento cun tanque alemán Leopard 2 o pasado mes de outubro en Baixa Saxonia (Alemaña). (Foto: Moritz Frankenberg / dpa)

O apoio da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) ao Exército ucraíno entra nunha nova fase co anuncio onte de Berlín e Washington de que enviarán a Kíiv os seus tanques, con especial incidencia no caso alemán, cuxos vehículos blindados están en mans de varios países europeos da alianza militar, que dependen da autorización do Executivo de Olaf Scholz para poder remitilos a Ucraína.

Tras o Consello de Ministras e Ministros, o Gabinete de Scholz ratificou o seu cambio de postura após as presións no interior da OTAN, e comunicou que enviará 14 tanques Leopard 2 nas vindeiras semanas ou meses para reforzar os militares ucraínos, a expensas de que as tropas de Kíiv reciban o adestramento preciso. Á vez, destacou que autorizará as peticións dos países que o desexen para reexportar os Leopard 2 a Ucraína. Así e todo, só Polonia fixo a solicitude formal para mandar 14 tanques.

Pouco despois, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, fixo público que mandará 31 tanques M1 Abrams ao Goberno dirixido por Volodimir Zelenski. Desde a invasión rusa, a OTAN achegou ao Exército ucraíno armamento por valor de máis de 35.000 millóns de euros.

Unha das primeiras reaccións a estas informacións proveu do Executivo español, que avanzou rapidamente que tamén enviará tanques a Ucraína por mor dos seus “compromisos internacionais”, defendeu o ministro de Presidencia, Félix Bolaños.

Desde Finlandia, o ministro de Defensa do país, Mikko Savola, fixo fincapé en que participarán nos envíos de tanques mais sen precisar cal prevén que sexa a súa contribución, mentres que en Eslovaquia, o seu homólogo, Jaroslav Nad, aseverou que están listos para enviar 30 tanques T-72, de fabricación rusa, no caso de “que houbese opcións de recibir tanques occidentais” a cambio.

A estes tanques hai que engadir os 14 Challenger 2 que Londres prometeu a Kíiv. Segundo as estimacións do correspondente de Al Jazeera en Alemaña, hai informes que apuntan a que arredor de 90 tanques de países europeos na OTAN apuntalarán as Forzas Armadas ucraínas, unha cifra en todo caso inferior ao número de unidades reclamadas por Zelenski para poder enfrontar as tropas rusas.

“Responsabilidade histórica”

Sergei Nechayev, embaixador ruso en Alemaña, contestou a decisión declarando que implica que o país teutón abandona a “súa responsabilidade histórica con Rusia” polos crimes que cometeu durante a Segunda Guerra Mundial, e leva a “un novo nivel de confrontación”. “Estes tanques arden como todos os demais, simplemente son moi caros”, resolveu o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, un armamento cuxos efectos están a ser “claramente sobreestimados”, e que demostra a falta de vontade para negociar a paz.

Aínda que para Moscova as entregas de armamento e apoio técnico a Kíiv fan inevitábel aceptar que a OTAN é parte integral da guerra en Ucraína, o secretario xeral da alianza militar liderada polos Estados Unidos, Jens Stoltenberg, reiterou que non se consideran parte do conflito. Paralelamente, Scholz estabeleceu que un dos seus obxectivos é “impedir a escalada a unha guerra entre Rusia e a OTAN”.

Críticas das forzas soberanistas

No Estado español, formacións soberanistas como o Bloque Nacionalista Galego (BNG), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) ou EH Bildu instaron a que a decisión de enviar tanques a Ucraína sexa debatida e votada no Congreso, adiantando que nese caso votarán negativamente. Tamén Unidas Podemos, integrada na coalición gobernamental xunta o PSOE, rexeitou a proposta.

Estas forzas coinciden na escalada bélica que provocará o envío de tanques. O deputado do BNG, Néstor Rego, censurou que o Goberno español faga “seguidismo” das políticas do “único beneficiario do conflito”, os Estados Unidos, e cuestionouse se o seguinte paso implicará directamente o envío de soldados.

O anuncio do Executivo estatal contrasta coas declaracións hai varios meses da titular de Defensa, Margarita Robles, que rexeitara o envío de tanques almacenados en Zaragoza por atoparse “nunha situación absolutamente lamentábel”.

 

Comentarios