Bombeiros e labregos mobilízanse para garantir o suceso do 1-O

Ferve Catalunya. E movímentase sen tregua o seu rico tecido social. Esta terza feira, a asemblea de bombeiros de Barcelona tomou a decisión de se oferecer ás entidades soberanistas como "cordón de seguranza" para garantir o "desenvolvimento pacíficos dos actos" do 1-O. Por súa parte, a Assemblea Pagesa (Asemblea Labrega) chama a unha singular tractorada en defensa do referendo.

bombers
photo_camera Parque de Bombeiros do Eixample de Barcelona coa faixa en defensa do 1-O

Os bombeiros de Barcelona non só non retirarán dos seus parques as faixas alusivas ao 1-O -coa lenda "Democràcia"-, senón que se acaban de oferecer ás entidades soberanistas como voluntarios para garantir o normal desenvolvimento do referendo. Así o decidiron nunha asemblea decorrida esta terza feira.

Os integrantes do corpo de bombeiros da capita catalá acordaron -após unha asemblea que se prolongou por espazo de tres horas- impugnar a "orde de servizo" que limitaría os seus direitos de expresión e manifestación. O colectivo anunciou a súa intención de redixir un documento de denuncia da conculcación dos direitos fundamentais producida polo Estado na súa ofensiva represiva dos últimos días.

No caso de o colectivo ser obxecto de sancións por desobedecer as instrucións recebidas -quer en relación coa retirada da faixa quer en relación ao non apoio ao referendo-, as multas irían a conta da caixa de resistencia que a plataforma de bombeiros de Barcelona constitúe durante as súas greves.

Mentres, a Assemblea Pagesa acordou realizar "unha marcha lenta con tractores" na madrugada do domingo 1 de outubro, con vistas a aparcar os vehículos agrícolas nas inmediacións dos colexios eleitorais.

Conxúrase este colectivo de labregas e labregos cataláns para estaren alertar “en vixiancia contra posíbeis accións de sabotaxe e de entorpecimento da votación".

Comentarios