Controlado o último fogo importante en Portugal antes das protestas do domingo

Activistas de Climáximo pintaron a sede de The Navigator Company.
Vaga de incendios en Portugal. (Foto: Diogo Baptista)
photo_camera Vaga de incendios en Portugal. (Foto: Diogo Baptista)

Na mañá da sexta feira, as autoridades lusas anunciaron que os incendios en Castro Daire, no distrito de Viseu, os máis importantes activos, xa estaban controlados, durante a xornada de loito nacional polas cinco persoas que faleceron por mor da vaga de incendios que iniciou o pasado domingo.

“É verdade que durante a noite as condicións meteorolóxicas e a chuvia nos viñeron axudar” pero “continúa a haber perigo de reacendementos”, sinalou Paulo Almeida, alcalde da vila.

Logo de que os incendios máis devastadores coincidiran en boa medida con áreas con plantacións de eucalipto, dúas activistas de Climáximo pintaron onte de vermello a entrada da sede de The Navigator Company, canda Altri as empresas celulosas máis importantes do país, levando carteis de “Fogo provocado por Goberno e empresas” e “O país arde, temos que espertar”. A entidade denunciou que ambas as dúas foron detidas.

Manifestacións

Precisamente baixo este último lema decorrerán o domingo mobilizacións en 13 localidades lusas para defender “un bosque con futuro” e combater “activamente o abandono e o monocultivo do eucalipto en Portugal como factores esenciais dos fogos mortais”, convocadas por Emergência Florestal, unha rede de persoas e colectivos climáticos.

No manifesto detrás das protestas ás 17 horas en Lisboa, Porto, Coimbra, Braga, Castanheira de Pêra, Pedrógão Grande, Odemira, Vila Nova de Poiares, Sertã, Torres Novas, Gouveia, Arganil e Melres faise énfase na necesidade de deseucaliptizar “a maior parte do territorio” e “reducir drasticamente o poder da industria das celulosas, da bioenerxía e da biomasa”.

Máis de 121.000 hectáreas arderon na vaga de incendios no territorio luso.

Comentarios