Eleccións Europeas 9-X

Resultados en directo, Estado por Estado: a ultradereita gaña peso ante a caída da esquerda

O Partido Popular Europeo seguiría a ser a primeira forza con 181 escanos.
Proxección de escanos no Parlamento Europeo.
photo_camera Proxección de escanos no Parlamento Europeo.

O Parlamento Europeo vén de ofrecer unha proxección de escanos, datada ás 20.12 horas deste domingo electoral, que ofrece unha primeira imaxe da Cámara que traballará en Bruxelas e Estrasburgo os próximos cinco anos, amparada en 11 estimacións estatais baseadas en enquisas a pé de urna e 16 recollidas de datos pre-electorais naqueles estados nos que non se fixeron enquisas a pé de urna.

O Partido Popular Europeo gañaría con algo máis de 25% dos votos e 181 escanos, seguido do grupo dos Socialistas e Demócratas, con 135 actas (18,75%). Pola súa parte, Renovar Europa mantería a terceira praza malia caer tres puntos e perder unha vintena de escanos, cun total de 82 (11,39%).

E o grupo dos Verdes/ALE pasaría, segundo esta mesma proxección, da cuarta á sexta praza, con 53 deputados e deputadas e 7,36% dos votos. O cuarto e o quinto serían os dous grupos que acollen nas súas filas partidos de extrema dereita e ultraconservadores, o dos Conservadores e Reformistas Europeos (Vox), con 71 actas e 9,86% dos sufraxios, e Identidade e Democracia, con 62 escanos e 8,61%.

Os deputados e deputadas non adscritos a ningún grupo —ao longo da última lexislatura— serían un total de 51 (7,08% dos votos), os mesmos que os que veñen de ser electos e non están aínda afiliados a ningunha familia política europea. Por último, o grupo da Esquerda obtería 34 escanos (4,72%).

Comentarios