Barroso di que o Estado español vetaría a entrada de Escocia na UE e lembra o precedente do Kosovo

Durão Barroso asegurou nunha entrevista na BBC que ve "moi difícil, se non imposíbel" a entrada dunha Escocia independente na UE. O portugués apuntou a un eventual veto exercido polo Estado español nunha situación que coida semellante ao acontecido con Kosovo. 

durão barroso
photo_camera Durão Barroso [Imaxe: UE]

Para o presidente da Comisión europea, unha Escocia independente non o tería fácil para se manter dentro da UE. Así o afirmou nunha entrevista no Andrew Marr Show da BBC. O político portugués, asegurou que será "moi difícil, se non imposíbel" que Escocia sexa recoñecida como Estado membro polos 28 que actualmente compoñen a UE e é que para entrar a facer parte da organización internacional precisaría o apoio unánime de todos os Estados Membros. 

Mais todo apuntaría a que non será Reino Unido quen impediría a adhesión dunha Escocia independente. En boa medida porque o acordo asinado entre os primeiros ministros escocés e británico --o Tratado de Edimburgo-- recolle o compromiso de ambas as dúas partes de dar cumprimento á vontade popular expresada no referendo de autodeterminación convocado para setembro deste mesmo ano. 

A adhesión de Escocia precisa do voto favorábel dos 28 

Segundo Durão Barroso sería o Estado español un dos integrantes da Unión que poderían vetar a adhesión de Escocia. "Xa vimos que España se opuxo mesmo ao recoñecemento de Kosovo, por exemplo. E é até certo punto un caso semellante". Así, se ben o acontecido en Kosovo nos anos '90 foi resultado dunha declaración unilateral e Escocia conta cun proceso de autodeterminación pactado co Reino Unido, o certo é que para o Estado español recoñecer un novo país poría entre as cordas ao goberno de Mariano Rajoy en relación co pulso soberanista que lle bota Catalunya. 

Aliás, Mariano Rajoy tenta desde o comezo procurar alianzas contra o independentismo dentro e fóra da UE e ten en David Cameron un dos seus aliados. Así o amosaron en novembro de 2013 cando aseguraron estar a deseñar unha estratexia conxunta contra Escocia e Catalunya que en boa medida pasaría por lanzar unha campaña que tivese como idea forza a eventual saída da UE que suporía para ambos os dous territorios a súa independencia. 

Margallo di que non interferirán na independencia de Escocia

Mais a actitude do presidente español contrasta coas declaracións do ministro de Asuntos Exteriores e a cuxas afirmacións se referiron desde Escocia para desmontaren as alarmas acendidas por Barroso na BBC. O Estado español "non ten ningunha intención de interferir" no proceso de autodeterminación escocés, asegurou en recentes declaracións ao Financial Times García-Margallo, ao tempo que, enfatizou, unha Escocia independente ha de porse "á cola" e pedir a reincorporación á UE. Así, Margallo subliñou que o Estado español estaría disposto a "considerar unha eventual petición" de entrada escocesa, o que non quer dicer que a fose aceptar. 

Sexa como for, a entrada de Escocia na UE sería un duro golpe para a campaña anti-independentista do Estado español e faría difícil explicar por que razón non apoia a convocatoria dunha consulta popular en Catalunya. No en tanto, as declaracións de Barroso non veñen senón a se sumar á estratexia comunitaria --defendida tamén por Londres-- que visa frear o avanzo soberanista que está a percorrer Europa. 

Comentarios