Estados Unidos e Israel unen forzas contra o Irán polo desenvolvemento nuclear

Tel Aviv criticou desde o comezo a posibilidade dun acordo con Teherán.
Joe Biden, presidente dos Estados Unidos de América, e Yair Lapid, primeiro ministro de Israel, reunidos esta quinta feira. (Foto:  Kobi Gideon / GPO / dpa)
photo_camera Joe Biden, presidente dos Estados Unidos de América, e Yair Lapid, primeiro ministro de Israel, reunidos esta quinta feira. (Foto: Kobi Gideon / GPO / dpa)

Yair Lapid, primeiro ministro provisional de Israel até as eleccións do 1 de novembro -as quintas en tres anos-, reuniuse onte co presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, antes de asinar unha declaración conxunta na que este último país se compromete a utilizar “todos os elementos do poder nacional” para impedir que Irán poida obter armas nucleares, mais priorizando a diplomacia. Tamén contempla enfrontar o que denominan “actividades desestabilizadoras” por parte dos persas. Con esta toma de posición, Washington avala a narrativa israelí, que considera Teherán o seu maior inimigo na rexión, rivalidade coa que xustifica medidas como os bombardeos das súas Forzas Armadas en territorio sirio.

“A única forma de deter un  Irán nuclear é que Irán saiba que o mundo libre usará a forza”, incidiu Lapid. Aínda que non o recoñeceu, as probas recompiladas polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica fan crer a entidade que Tel Aviv conta con armamento nuclear. Asemade, os mandatarios pactaron impulsar un aumento da cooperación bilateral en tecnoloxía para o futuro, tecnoloxía climática ou intelixencia artificial.

Pola súa parte, nin o asasinato o 11 de maio da xornalista palestino-estadounidense Shireen Abu Akleh por parte dos militares israelís, nin as reiteradas denuncias de institucións como a Organización das Nacións Unidas sobre os abusos e o apartheid que sofren palestinas e palestinos, foron comentadas por Biden, que nada máis aterrar ratificou que “a nosa relación é máis profunda e forte  do que nunca foi”, así como que “non precisas ser xudeu para ser sionista”. Ademais, medios árabes cuestionan que Biden tampouco reverteu medidas moi polémicas decididas por Donald Trump, como mudar a embaixada a Xerusalén, que a legalidade internacional non recoñece como unha cidade unicamente israelí.

Hoxe, Biden ten previsto xuntarse con Mahmoud Abbas, presidente da Autoridade Nacional Palestina, antes de recalar en Arabia Saudita, onde prevé estender unha batería de medidas contra Irán, enfrontado coa monarquía absolutista dos Saud.

Non obstante, desde os medios dos EUA, interpretan que o acordo pode buscar tranquilizar Israel perante a negociación dun novo acordo nuclear con Irán, tras opoñerse Tel Aviv de todas as maneiras posíbeis a que outros países pacten con Teherán, incluso asasinando científicos persas, como sinalan as investigacións do The New York Times.

Negociacións con Irán

Xusto antes de saír cara a Asia Occidental, o mandatario fixo fincapé en que “foi un erro xigantesco que o anterior presidente [Donald Trump] se retirara do acordo [en 2018], agora están máis cerca da arma nuclear que antes, podemos actuar contra iso e seguir a ter un acordo que poida reducir o seu programa nuclear".

Pola súa parte, as autoridades iranianas aseguran que están abertas a continuar as negociacións para un novo acordo, pero que mentres os EUA continúen a aplicar sancións manterán as políticas que consideren máis axeitadas, e reiterando que buscan desenvolver un uso civil para a enerxía atómica, extremo do que desconfían os Estados occidentais.

Máis dun ano de negociacións para un novo acordo

A ONU, Rusia, a China, o Reino Unido, Francia e Alemaña, canda o Irán, levan negociando nos últimos meses un novo acordo que substitúa o de 2015 e que permita desescalar a situación. A sexta ronda de conversas rematou a finais de xullo sen acordo na cronoloxía de medidas que os EUA e o Irán deben tomar para pór en marcha o pacto. "A xanela da diplomacia segue aberta", subliñan as autoridades.

Comentarios