Falece Doddore Meloni, preso independentista sardo, após 66 días en greve de fame

O que fora fundador do Partido Sardo pola Independencia (PARIS) tiña 74 anos de idade e cumpría condena nunha prisión italiana por delitos fiscais, que el negaba e atribuía a unha “persecución” do estado italiano polo seu activismo independentista. 

sardo sardeña
photo_camera Doddore’ Meloni

Morreu o independentista sardo ‘Doddore’ Meloni após case dous meses en greve de fame en prisión. A finais de xuño, Meloni fora ingresado no hospital Santa Trindade de Cagliari como consecuencia do seu delicado estado de saúde. Un protesto que realizou para denunciar o seu encarceramento, o pasado 28 de abril, condenado por delitos fiscais. Meloni declarábase “prisioneiro de guerra” e afirmaba que a condena era froito dunha persecución do estado italiano a raíz do seu activismo pola independencia de Sardeña. O ex-senador e ex-deputado italiano Piergiorgio Massidda afirmou, a raíz da morte deste veterano activista, sentir “vergoña” de pertencer a unhas institucións que “non interveñen” para salvar unha vida, segundo recolle o portal Nacións.blogspot.com.es.

Salvatore 'Doddore' Meloni coñecía ben o que eran as prisións italianas. En 1981 fora detido canda outras 15 persoas por gardar diverso armamento para preparar “un complot para independizar Sardeña”. Foi condeado a 9 anos de cárcere. Protagonizou unha greve de fame entón para denunciar a situación dos presos.

Anos despois, en 2008, e nun acto simbólico, procedeu a ocupar con varias ducias de militantes independentistas, unha pequena illa para proclamar a República Sarda. Por estes feitos foi condenado a 8 anos de cárcere.

Foi un político controvertido, estrela de protestos e accións impactantes. Protagonizou ocupacións, mobilizacións, impulsou un referendo independentista. El declarouse até o derradeiro momento inocente das acusacións de delitos fiscais. Meloni cría na súa loita política. Non por acaso trouxera para a súa cela, neste último encerro, a biografía de Bobby Sands, o militante do IRA que faleceu en greve de fame en 1981. Os seus partidarios lembran que foi fiel á sentenza de Victor Hugo: “Creo o que digo, fago o que creo”. 

Comentarios