A forza conservadora francesa Os Republicanos destitúe Ciotti, que sostén que aínda é o líder, polo pacto coa ultradereita

Un día antes Ciotti anunciara negociacións coa Reagrupación Nacional.
O presidente da conservadora Os Republicanos, Éric Ciotti. (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente da conservadora Os Republicanos, Éric Ciotti. (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto)

Integrantes da dirección da forza conservadora francesa Os Republicanos (LR) en contra do anuncio un día antes do presidente do partido, Éric Ciotti, de negociar un acordo coa ultradereita da Reagrupación Nacional (RN) para as eleccións lexislativas, reuníronse a cuarta feira e decidiron destituír Ciotti como presidente.

Na xuntanza nomearon como líderes provisorios a até o de agora secretaria xeral, Annie Genevard, e ao cabeza de lista nos comicios ao Parlamento Europeo, François-Xavier Bellamy, nunha xornada marcada pola tensión e polo feche da sede de LR decidido por Ciotti, que forzou que a reunión decorrera no Museo Social, en París.

Antes e despois da cimeira, Ciotti reiterou que o encontro non tiña validez legal e implica unha “violación flagrante” dos estatutos dos conservadores, polo que aínda é o presidente, afirmou, facendo énfase en que “só a militancia podería negarme esa lexitimidade”.  

O prazo para rexistrar candidaturas ás votacións parlamentarias do 30 de xuño cunha segunda volta o 7 de xullo rematan o domingo.

Comentarios