Unha fuga de gas nas obras do Bernabéu obriga a cortar o tráfico e fechar o Metro no centro de Madrid

A fuga obrigou a cortar até dous quilómetros da avenida da Castellana e a fechar a estación de Metro que pasa polo Bernabéu.
A dotación de bombeiros desprazada até o estadio Santiago Bernabéu de Madrid esta terza feira. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera A dotación de bombeiros desprazada até o estadio Santiago Bernabéu de Madrid esta terza feira. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O importante escape de gas que se produciu na mañá desta terza feira nos arredores do estadio Santiago Bernabéu, en Madrid, debeuse á picada dunha tubaxe nunhas obras de pilotaxe para ampliar uns aparcamentos da zona. Así o indicou, en declaracións aos medios, Carlos Tejera Martín, supervisor de Garda de Bombeiros do Concello de Madrid, quen explicou que o escape tivo lugar sobre as 8.40 horas. Á súa chegada, os primeiros efectivos de Bombeiros confirmaron que o escape era positivo e importante.

"Entón o noso labor consistiu en despregar máis medios, abrir o cordón de seguridade, facer lecturas cos nosos detectores de gas para ampliar esa información por se teriamos que solicitar máis medios. E localizar as válvulas de corte cando antes, xunto coa compañía de gas e a Policía, que cortou moi rápido esta arteria principal", detallou. A fuga obrigou a cortar até dous quilómetros da avenida da Castellana e a fechar a estación de Metro que pasa polo Bernabéu.

Logo, os bombeiros conseguiron baixar a presión nesa tubaxe, unha arteria de 20 polgadas de aceiro. Quedaron afectados pola falta de gas dous predios, un deles dun Ministerio. Afirmaron que se restabelecerá a subministración cando antes. Os bombeiros do Concello confirmaron o corte da rede de gas e logo que todas as lecturas fosen negativas, tanto no Metro como nos edificios contiguos. O obxectivo, sinalou Tellado, era comprobar que non houbese elementos que levasen a unha deflagración e reabrir así o tráfico no Paseo da Castellana.

"É unha artería súper importante en Madrid, e agora mesmo está todo restabelecido. O noso labor vai consistir en continuar aquí en servizo preventivo, ver que non hai ningunha bolsa de gas, non hai ningunha lectura, e que continúe a vida en Madrid", indicou o supervisor dos Bombeiros.

Obras da empresa Acciona

O escape ocorreu nas obras de ampliación que se están facendo nos aparcamentosm dos arredores do estadios, con 1.000 prazas de aparcamento á beira do Bernabéu, na zona entre Castellana e Bernabéu, unhas obras que está a executar a empresa Acciona. Hai outras obras próximas doutras dúas empresas distintas.

"Bombeiros estivo aquí recentemente e xa eramos coñecedores que se estaban executando estas obras. Entón, en canto saltou a alarma xa sabiamos practicamente onde estaba o problema, polo que todo foi máis rápido. Estes servizos de coordinación con edificios singulares nun concello como o de Madrid é súper importante. Actuamos con máis rapidez aínda", explicou o supervisor.

En declaracións aos medios, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, informou de que o escape quedou xa "resolto" e que se puido reabrir o tráfico no paseo da Castellana, que estaba fechado entre Nuevos Ministerios e a praza de Castilla, así como tamén o tránsito peonil entre as prazas de Cuzco e Lima. Non se puxo en risco ningunha vida humana, defendeu.

Comentarios