O Goberno colombiano suspende as negociacións de paz co ELN após o ataque a unha base militar

A guerrilla critica a decisión de Petro
O presidente colombiano, Gustavo Petro, o domingo. (Foto: Presidencia de Colombia)
photo_camera O presidente colombiano, Gustavo Petro, o domingo. (Foto: Presidencia de Colombia)

Na madrugada da quinta feira o Goberno de Colombia, dirixido polo progresista Gustavo Petro, anunciou que o proceso de diálogo de paz co Exército de Liberación Nacional (ELN) “queda suspendido”. Máis alá da falta de avances nas negociacións, a decisión gobernamental chega despois de que a terza feira estoupara un camión cargado de explosivos nunha base militar no oriente colombiano, deixando dúas mortes e 27 persoas feridas.

Petro cualificara o ataque como “unha acción que fecha un proceso de paz con sangue”. O alto o fogo bilateral rematou o 3 de agosto, entre críticas da guerrilla por supostos “incumprimentos” do Executivo, o que levou a que os militares reactivaran a ofensiva contra o grupo.

Eliécer Chamorro, alcumado ‘Antonio García’, líder do ELN, insistiu en que “aínda no medio das operacións militares poden continuar os procesos de paz, iso fixeron en varios momentos diferentes Gobernos, agora non pode ser a excepción”. Asemade, reiterou que foron obxecto de múltiples operacións militares e “nunca” consideraron roto o proceso de paz.

Comentarios