IGADI demanda incluír no debate electoral a acción exterior de Galiza 

Insta ás forzas políticas e coligazóns que concorren aos comicios do 25S a incluiren nos seus programas propostas en relación a política internacional e de proxección exterior do noso país.

mundo

Colocar a proxección e relacionamento internacional no debate electoral, mais sobre todo na axenda política. Ese é o obxectivo co que o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) vén de apelar ás formacións políticas que concorrerán ás eleccións galegas do próximo 25 de setembro. 

O chamamento do instituto dirixido por Xulio Ríos reclama ás diferentes forzas e coligazóns a incorporaren nos seus programas medidas destinadas a reorientar e reforzar a acción exterior de Galiza. “Coidamos que Galicia dispón de capacidades abondo para garantir unha presenza no mundo conforme coa nosa identidade e intereses pero precisamos de instrumentos e iniciativas que faciliten o seu pleno desenvolvemento”, aseguran desde o IGADI nunha carta aberta a todas as candidaturas. Neste senso, apostan en que o noso país teña unha acción exterior de seu, ambiciosa, planificada e orientada a satisfacer os intereses da maioría social, certas de que a acción exterior “non é un mal gasto” dado os importantes retornos que pode xerar. O seu apelo recolle certa urxencia, pois segundo apontan “ou aproveitamos o presente ou a ocasión pode malograrse”.  

Nova política

En opinión da entidade, que conta con 25 anos de experiencia, a acción exterior de Galiza debe entenderse como espazo de encontro, pulando por consenso amplos a nivel político que garantan a súa continuidade, a pivotar nunha cultura de cooperación.

Demandan unha nova política internacional, xestionada de maneira democrática e participativa, que aborde a inserción global de Galiza para alén do seu propio territorio e da diáspora no exterior, apostando nas potencialidades internacionais da nosa lingua propia e máis tamén da proxección das universidades galegas, do tecido produtivo e das entidades sociais do país. “Arelamos un esforzo racional de comprensión para asumir un maior compromiso cunha acción exterior centrada na defensa dos intereses de Galicia, que teña en conta e desenvolva as nosas singularidades, que explore as nosas posibilidades como ponte con diversas áreas xeopolíticas e xeo-lingüísticas”, explican.
 

Comentarios