Os incendios xa arrasaron no Brasil 18 millóns de hectáreas, a superficie do Uruguai

No que levamos de setembro foron detectados case 60.000 lumes.
Incendio no Brasil. (Foto: Lucio Tavora / Europa Press / Contacto)
photo_camera Incendio no Brasil. (Foto: Lucio Tavora / Europa Press / Contacto)

O Executivo brasileiro estima que 18 millóns de hectáreas de bosques, unha superficie que supera a do Uruguai, foron devastados polos incendios que se estenden por todo o territorio, publicaron a cuarta feira medios internacionais.

Ao respecto, o presidente, o progresista Lula da Silva, recoñeceu que “non estábamos 100% preparados”, debullando que “hai moi poucos Estados con defensa civil, bombeiros e brigadas contra incendios, case ninguén os ten”, remarcou.

Nese sentido, fixo fincapé na importancia da loita contra o cambio climático, informando de que a principal causa dos máis de 200 incendios que estaban activos en todo o Brasil é a maior seca rexistrada en décadas.

Asemade, mentres que a titular de Medio Ambiente, Marina Silva, engadiu que detrás dalgúns lumes hai casos de “terrorismo climático”, Lula deixou entrever que tamén podería estar presente o “oportunismo por parte dalgúns sectores”, despois de lembrar que o pastor evanxélico Silas Malafaia, moi próximo ao ex presidente de extrema dereita Jair Bolsonaro, sinalara con anterioridade que “o Brasil vai arder en chamas”.

En paralelo, a vicegobernadora de Brasília -a capital-, Celina Leão (da forza conservadora Progressistas), atribuíu os lumes a labregos ou persoas que moran na rúa que terían perdido “o control” das súas fogueiras.

O presidente do Instituto Chico Mendes de Conservação da Biodiversidade, Mauro Pires, salientou que na capital hai máis de 140 días que non chove.

As autoridades brasileiras transmitiron que os case 60.000 incendios detectados en setembro xa superaron os máis de 46.000 rexistrados o mesmo mes do ano pasado.

Comentarios