O partido laico, Nidé Tunis, gaña as lexislativas en Tunisia segundo as estimacións

A Instancia Superior Independente para as Eleccións (IESE) aínda non fixo públicos os dados oficiais mais @s islamistas do Al-Nahda, xa admitiron a súa derrota. 

Á espera de se coñecer os resultados oficiais através da Instancia Superior Independente para as Eleccións (IESE) na Tunisia, a estimación dalgunhas ONGs como Al-Mourikiboun, apuntan a vitoria do partido laico Nidé Tunis (Nidaa Tounes) fronte a organización islámica Al-Nahda, vencedora nos anteriores comicios decorridos en 2011. 

As eleccións lexislativas desenvolvidas o 26 de outubro --as segundas desde a Primavera Árabe de 2011-- contaron cun índice de participación do 60% e deixan a Cámara de representantes --con 217 escanos-- repartida entre ambas as dúas forzas políticas. 

O índice de participación situouse no 60% segundo os dados avanzados pola ONG Al-Mourikiboun

Nestas eleccións estaban chamadas ás urnas 5,3 millóns de persoas, nun país cuxa poboación supera os 10 millóns de habitantes. Con estes comicios a Tunisia enceta unha nova etapa após o período de transición iniciado polo goberno de Al-Nahda en 2011. Durante ese tempo, o Parlamento aprobou unha nova Constitución e recoñeceu dereitos e liberdades que permanecían suspendidos pola ditadura de Ben Ali. 

Así as cousas, a poboación tunusia continúa a reclamar un maior avanzo na calidade de vida dun país onde a taxa de desemprego atinxe boa parte da poboación, nomeadamente a mocidade.

A incapacidade de xestionar o país e os asasinatos políticos levaron en 2013 a Al-Nahda a acordar un goberno de tecnócratas que agora será substituído polo que designe o novo Parlamento en mans da coligazón laica (Nidé Tunis) conformada por unha ampla variedade de perfís. Entre eles sindicalistas, empresarios e até antigos cargos políticos na ditadura de Ban Ali

Comentarios