Podemos insiste na vía do referendo pactado mentres o PSOE se abre a respaldar o 155

Podemos e as confluencias -entre elas En Marea- lanzaron esta segunda feira unha nova proposta sobre Catalunya, a constitución dunha asemblea de parlamentares que alumease un acordo entre as institucións catalás e as españolas. A perspectiva dese pacto é ilusoria, tendo en conta o encastelamento de Rajoy e a evolución dun PSOE que hoxe por hoxe xa non desbota apoiar a suspensión da autonomía catalá, isto é, a aplicación do artigo 155 da Constitución española.

Podemos
photo_camera Aspecto da reunión de Podemos, IU, En Marea e Catalunya en Comú

Catalunya continúa a abalar o taboleiro político e as distintas forzas continúan a mover as súas pezas. Esta segunda feira foi a quenda de Unidos Podemos e as confluencias que, con grande solemnidade, lanzaron unha nova proposta. A constitución dunha Asemblea de Parlamentares (vagamente inspirada na apadriñada en 1917 por Francesc Cambó noutro momento crítico do réxime español) para no seu seo abrir unha nova dinámica de diálogo que eventualmente resulte nun referendo pactado en Catalunya.

A proposta acabou de ser perfilada nunha reunión do goberno na sombra de Pablo Iglesias e delegacións das confluencias e IU, lideradas por Yolanda Díaz (En Marea), Xavier Domènech (Catalunya en Comú) e Alberto Garzón, respectivamente.


Podemos xoga contra o calendario -apenas fican dúas semanas para o 1-O- e conscientes diso pisan o acelerador e chaman os demais partidos -a todos- a se reuniren en asemblea o próximo sábado.

Que posibilidades existe neste momento dun acordo pactado entre a maioría institucional de Catalunya e o do Estado español? As mesmas que existían esta fin de semana. Isto é, nengunha. Non sólo polo encastelamento centralista do PP -que utiliza todos os aparatos do Estado contra o referendo nunha escalada represiva dunha intensidade sen precedentes na recente historia-, senón polos últimos movimentos do PSOE. Pedro Sánchez combina a cenoura dos cánticos á nación de nación, co inequívoco pau do apoio incondicional ás medidas represivas dispostas desde a Moncloa. Tanto que esta segunda feira o portavoz do partido, Óscar Puente, xa non dicía que non a respaldar o Goberno español nunha eventual activación do artigo 155 (isto é, a suspensión da autonomía). "Á luz das circunstancias tomaremos unha decisión", dixo, dando a entender que, embora non a consideren "desexábel", tampouco a desbotan inteiramente.

O que si desbota o PSOE é integrar a asemblea proposta por Podemos: o partido socialista, dito por boca de Puente, non aceita "trocear" a soberanía nacional. Esta posición é claramente partillada por PP e por Cs, o que significa que ten o respaldo da esmagadora maioría do Congreso dos Deputados.

Quen si fixo unha leitura positiva da iniciativa de Unidos Podemos e as confluencias é o PDeCat. A antiga Convergència non pode esquecer o seu ADN pactista e tampouco ve con maos ollos a comisión de revisión do modelo territorial proposta polo PSOE no Congreso, iniciativa que non convence en absoluto Esquerra Republicana, para a cal a pantalla do pacto xa está ultrapasada e o único referendo que contempla é, non o imposíbel de pactar con PP-PSOE-Cs-, senón o que xa está convocado para o 1 de outubro.

Comentarios