Puigdemont non desbota ser arrestado nas vésperas do 1-O e advirte: "Non sería unha boa idea"

A escalada represiva do Estado en Catalunya aínda non ten concluído e podería ter como ponto culminante o arresto de Carles Puigdemont. No mínimo iso é o que se tira das súas declaracións a La Sexta nunha entrevista con Jordi Evole. "O fiscal xeral [eleito directamente polo Consello de Ministros] ten aventurado esa posibilidade [a da súa detención]", dixo o president.

puig
photo_camera Puigdemont, nun momento da entrevista

"Se ten que pasar [o seu arresto] imos facer fronte a calquera decisión. Mais non creo que fose unha boa ideia", respondeu Puigdemont á pergunta de Jordi Evole sobre se ten medo a ser detido pola Fiscalía.

Nas últimas datas en meios xornalísticos e políticos manéxase a tese de que a Moncloa instruirá a Fiscalía para que deteña nas vésperas do 1-O non só Puigdemont, senón tamén Oriol Junqueras, o líder de ERC ao que teme especialmente o Estado ao encabezar moi folgadamente todas as enquisas de opinión para unhas eventuais novas eleccións ao Parlament, para as cais o actual presidente da Generalitat xa se ten descartado.

Puigdemont desbota calquera desconvocatoria do referendo -"retirarse e renderse sería acabar mal"- e nega que estea a cometer un delito de desobediencia: "Eu non estou a desobedecer. Estou a obedecer o Parlament de Catalunya".

E que acontecería se finalmente o Estado é quen de imposibilitar a realización material do referendo? Nesas circunstancias, avanzou Puigdemont, el convocaría unha reunión urxente do Govern catalán para analisar a situación. E nese contexto o probábel é que no seo do seu Govern se alzase algunha voz a favor de o Parlament efectuar a chamada DUI, isto é, a Declaración Unilateral de Independencia. 

Pugidemont esclareceu que ese non é o seu cenario favorito, que el continúa a enxergar como única opción a da realización efectiva do referendo o vindeiro domingo.

Comentarios